Musas, mecenas, amantes

cob_col ELBA_Musas.inddElisa Lobeira. Victoria Combalía (1952), profesora de arte na universidade de Barcelona, especialista en Tapies e Miró, biógrafa de Dora Maar (2013), é autora de Musas, mecenas y amantes. Mujeres en torno al surrealismo (Barcelona, Alba, 2016), un ensaio intelixente e áxil, ás veces demasiado áxil, lonxe do academicismo, no que nos conta o ronsel de seis mulleres vencelladas ao surrealismo: Valentine Hugo, Nancy Cunard, Peggy Guggenhein, Kiki de Montparnasse (da que publicaron as Memorias en 2009), Marie-Laure de Noailles e Joyce Mansour (unha das grandes poetas e narradoras do surrealismo de lingua francesa). A unha quédalle a dúbida se hai moitos libros que falen dos homes que foron mecenas, amantes e inspiradores de mulleres. Coñezo libros de homes que inspiraron a outros homes (sexo á parte, e penso en Stefan George ou en Proust), pero non son capaz de lembrar a homes que fagan de musas de mulleres.

Vidas cheas de paixón, pero tamén de talento e nalgúns casos de forte creatividade (Cunard, Mansour, Valentine Hugo) contadas en estilo narrativo, con estilo e competencia. Mágoa que non incluíse algúns nomes máis. Con sentido do humor Victoria Combalía comeza a dicirnos no prólogo “no hagan caso del título, es bonito y pegadizo, pero el libro quiere ser algo menos y algo más de lo que éste anuncia”. Aborda a cuestión do termo “musa”, rexeitado polas feministas, polo que ten de pasivo e sinalando que non hai equivalente masculino, xa que o termo foi inventado por homes. No século XIX xa foi posible ser musa e, ao tempo creadora (George Sand) e no século XX fixéronse as mulleres “aviadoras e mecenas”.

musas2Na escolla de Victoria Combalía inflúe que algunhas das que inclúe son pouco coñecidas, pero non é o caso de Joyce Mansour (traducida ao español e mesmo ao galego) nin de Nancy Cunard ou a Guggenheim. Podía estar Elsa Triolet, a parella de Aragon e importante narradora, pero é máis coñecida, ou Gala Dalí ou Elisa Breton. Estas foron rexeitadas por ser só musas pasivas. Conclúe a Combalía anotando que quizais hoxe non hai xa mulleres coma estas.

Un libro ameno, rico en suxestións, discutible, pero digno de ler.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *