Unha pequena antoloxía: Os cantores do vagalume

vagalumeMiguel Mariño. Eu son un namorado das antoloxías, e non é o lugar este para sinalar a súa importancia cultural e canonizadora, labor que explicou ben en galego María do Cebreiro Rábade Villar (As antoloxías de poesía en Galicia e Cataluña, 2004) e Francisco Ruiz Casanova en castelán (Anthologos: Poética de la antología poética, Cátedra, 2007), sen esquecer as páxinas tan importantes de Auden, Borges, Eliot, Lefevre, Manguel, Nora ou Padorno. Eu colecciónoas porque as considero a mellor introdución a un xénero, un autor, unha época ou unha cultura. E teño interese tamén polas escolmas amplas (centóns quizais), que conservan textos aos que non poderiamos acceder sen elas, pois o lugar dos poetas menores é a antoloxía. Sirvan estas liñas coma homenaxe a Xesús Alonso Montero, hoxe o “antólogo maior” da nosa literatura, de que nesta vacación volvo reler a pequena (en tamaño) escolma Poemas ó vagalume (Vigo, Galaxia, Minilibros, 1997), que reúne os versos dedicados ao que algúns chaman lucecú ou vello en coiro. Nestas páxinas cantan Noriega Varela, Crecente Vega, Zapata, Iglesia Alvariño, Rey Romero, Díaz Jácome, Cuña Novás, López Abente, Rubinos, Guerra da Cal, Augusto Casas, Vergara Vilariño, Gómez Alfaro e Xaquina Trillo, mais algunhas adiviñas. Alguén debería reeditar esta pequena alfaia, pois de 1997 hai novos textos poéticos para o vagalume: “Vagalume”, de Sabino Torres (Ondas do mar comigo, 1997); Pedro Rielo, “Mapas de vagalumes” (As palabras furtivas, 2006); “A danza dos vagalumes”, de Manuel Blanco Rivas (A proporción dourada, 2015), algúns versos de Claudio Rodríguez Fer (“Nel brotan estelares/as flores da vida,/en permanente fervenza/de vagalumes verdes/polo cosmos sen fin”, 2016). E como escribo dende o Barbanza non pode faltar o nome de Antonio Domínguez Rey e o seu poema “Vagalume”, do poemario O segredo do monte (2005) (“ou dun verme de lúa/que gore nas silveiras/o remol do devalo/deica o sopro do día”). Da escolma de Alonso Montero despréndese non só o lóstrego de luz do vagalume, senón tamén outra conclusión máis prosaica: o vagalume non aparece na poesía galega até 1918. Non o viron os poetas do XIX? Non importa, pois en troco Galiza creoulle moitos nomes, como ben lembra Alonso: alumaparedes, vermiluceiro, verme de luz, vagalume, candil da noite, lucicú, lus do camiñante, luz de corredoira, ronco que aluma, verme que aluma, olliño da noite, bicho relumbrón. E no Xobre, vello-en-coiro. Poesía popular pois.

Un comentario en “Unha pequena antoloxía: Os cantores do vagalume

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *