Verán de ausencias

20160810_192506Xosé Manuel Lobato. A todos aqueles que o tempo nos deixou profunda pegada, posiblemente debemos considerarnos uns afortunados, pois estamos próximos a esa navegación pausada no limbo, mesmo somos capaces de renunciar a un reloxo extremadamente esixente. En definitiva, somos quen de camiñar paseniño e de costas á insultante intransixencia espazo-temporal. Dilatado esforzo para fornecer madeira que acada a nobreza en puro cerne, detrás desta transformación existe un proceso de loita continuada contra pragas, epidemias, pestes e un remuíño de efectos nocivos, mais lograr sobrevivir a tanto andazo achega unha especial bagaxe de enriquecemento que potencia a capacidade dun pensamento libre sen os efectos dos funxicidas.

No entanto, cando se acada ese status, son os grandes acontecementos os que normalmente se deixan de lado ou se miran de esguello. Son as cousas máis sinxelas as que achegan conforto, satisfacción e benestar.

Acontecementos do común, mesmo esa excelsa rutina dos cambios estacionais cos seus sinais harmoniosos, son unha beizón para esa transformación sen rupturas apocalípticas.

Observar o bailar das follas no ar despois de independizarse das ramas caducas, sen dúbida, gozamos do chiscar outonal.

Branco danzar das folerpas baixo as batutas dos xélidos nubeiros, as froumas a queimar para o inverno espantar.

Escoitar o cucar mentres as follas comezan abrollar inquedas co luminoso agarimar, estamos ante o sinal dun primaveral floral.

Mais para estas letras a época estival é anunciada e pregoada pola chegada dos amigos  a Portonovo. Amigos da terra e da xente, eles son fieis a este lugar durante décadas para gozar con intensidade dun oasis de auga, area e filosofía de vida.

portonovoPorén, este ano o verán avanza esplendoroso na procura outonal, magoa da ausencia dalgúns amigos de Portonovo, mesmo semella que a ría de Pontevedra está a besbellar baixo a lúa espida.

Xa sei, tranquilidade a calquera lector que non lle encaixe no contexto o significado de besbellar, mais non son eu de respostas concretas ou afirmacións rotundas e definitivas. Por iso, amigos lectores, pensar que para un galego de cerne, pode ser aquelo ou aqueloutro, quero dicir, calquera cousa que un teña a capacidade de imaxinar. Por suposto, recoller sempre a máis positiva e fermosa, pois unha palabra tan feiticeira non pode ter xamais connotacións negativas.

Para rematar compartir a miña humilde impresión sobre o besbellar, despois de gozar de tan gratificante observación.

Realidade e ficción danse unha aperta baixo a refracción lunar mentres as dúas ourelas conseguen que a ría de Pontevedra continúe a besbellar. Néboas que achegan a friaxe dunha nostalxia bretemosa que relanza lembranzas de momentos felices, aínda que por estes lares a morriña é a gran protagonista.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *