A mestra de párvulos, de Nadav Lapid

mestraXerardo AgraFoxo. Esta aposta cinematográfica do director israelí Nadav Lapid (Tel Aviv, 1975) semella nun principio un tanto rara, incómoda e talvez incomprensible. Os dous protagonistas desta desacougante historia son unha mestra,  Nira,  e o seu alumno de cinco anos, Yoav. Os dous son seres inadaptados no seu entorno: Ela ten unha parella coa que está máis por costume que por outra cousa e ten uns fillos aos que apenas ve; o pequeno é, a efectos prácticos, un orfo que ve como seu pai non lle fai caso, pendente como está dos seus negocios e que lle conta que súa nai morreu cando o certo e que se divorciou del e marchou a Estados Unidos. Cando a mestra descobre asombrada que o neno ten un prodixioso don para a poesía, decide protexer o seu talento loitando contra a orde estabelecida.

Baixo esta curiosa e insólita proposta, asistimos, durante case dúas horas de filmación, á teima dunha muller. mestra2Con boas intencións e unha rara obsesión, ela camiña dun lado cara a outro dunha cidade israelita, talvez como forma de fuxir da vida aburrida que a espreita, para rescatar nun caderno os ataques repentinos de creatividade do seu alumno. Malia esta estraña proposta argumental, grazas a extraordinaria interpretación da turbia, melancólica e sensual Sarit Larry, o ritmo pausado e estético  co que se desenvolven as escenas e a oportuna reflexión que se ofrece sobre a ambición e a creatividade, Nadav Lapid consegue en The Kindergarten Teacher (Giraldillo de Prata do Festival de Sevilla 2014) un filme único e arriscado, unha aposta que nos cativa ata ese espléndido e sorprendente desenlace.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *