Amamos a Kate Bush como Heathcliff a Catherine Earnshaw? (II)

kate4Gonzalo Trasbach. Pero a pesar do triúnfo acadado con “Running Up That Hill (A Deal With God)”, un dos hit singles máis estraños e hipnóticos da historia da música pop, uns anos despois a nosa dama retirouse das luces da escena, dos focos do espectáculo, e novamente perdeuse na campiña inglesa. Uns falaron de cuestións persoais (quería parir e criar o seu fillo), outros aduciron razóns profesionais [a súa creatividade quedou atrapada nun charco de lama logo da decepción que supuxo “The Sensual World” (1989) e do despropósito que resultou ser “The Red Shoes” (1993), pese a que contaba coa bendición da jet set musical daquel momento: Prince, Jeff Beck, Clapton…]. Segundo contaron os seus achegados, durante a súa reclusión fixo unha normal life. Pero tamén compuxo outra obra soberbia.

Un case a tiña esquecida cando nos primeiros días do 2006, camiño do traballo, Ramón Trecet, pronunciou o seu nome no seu programa de Radio 3 con ton de decepción. O vello crítico musical falou de que a súa voz se agretase co paso dos anos. Non foi quen de percibir a riqueza vocálica da cantante adulta. Doce anos máis tarde, a señora de Kent, que tiña recibido eloxios de Morrisey ou Rufus Wainwright, e que exercera unha clara influenza en Toni Amos ou Fiona Apple, reapareceu cun dobre CD  baixo o brazo: “Aerial”, un retorno ao grande, un álbum que dura oitenta minutos, repartidos entre “A Sea Of Honey” (sete temas sen conexión aparente) e “A Sky Of Honey” (unha suite en nove partes describindo as 24 horas dun día).

kate5En ambos casos o piano e a voz, esa voz xélida e anxelical, autoritaria e soñadora (capacitada para facer rir ou chorar, para facer sentir tenrura ou carraxe), carnal e ás veces un pouco infantil, son a materia prima que sustenta unhas cancións que case sempre se balancean sobre xergóns abrandados de teclados atmosféricos e ritmos down-tempo que nunca se saen dun guión de escrupulosa elegancia. Sobre estas básicas liñas, miss Bush vai debullando historias que non entran habitualmente na axenda dunha figura do seu estatus. Fala, por exemplo, de Elvis Presley e Ciudadán Kane, da beleza das matemáticas, de Juana de Arco, da éxtase que se pode acadar mentres se pon… a lavadora. Tamén tropeza co máis obvio (Bertie, tópica oda ao seu cativo). Pero quen é capaz, á parte dela, de inventar intrigantes retrousos recitando ladaíñas de números ou dotalos de emoción sinxelamente repetindo “washing machine” en Mrs Bartolozzi?

kate 6Aquí bole a Bush que, sen esquecer o formato de melodía pop, é quen de transportarnos a mundos oníricos onde a placidez do traxecto non agocha gretas de desazo e escuridade, aínda que “A Sky Of Honey” a descubra máis optimista e luminosa que en anteriores ocasións. Hai cantos de merlos, risas, segundas voces, delicados arranxos orquestrais (firmados polo desaparecido Michael Kamen) e un final “Aerial”, que sabe calibrar o crescendo sen despregar unha maquinaria aparatosa. Aquí atopamos outra vez a Kate Bush en estado puro: mantendo o tipo na cume da excelencia, rodeada das nubes dos seus soños e fantasías, entre os seus queridos espectros. Se alguén o desexa, que escale ata aló arriba.

5 comentarios en “Amamos a Kate Bush como Heathcliff a Catherine Earnshaw? (II)

  1. Bos días, Magdalena. Non hai moito que entender. Pero da igual. O importante é o que fas ti: ler os artigos. Moitas gracias por facelo. Unha aperta boirense.

  2. Artículo muy complicado para mi poca cultura anglosajona. Sólo puedo decir, chica guapísima y seguro que un articulazo para los entendidos en la materia. Gracias Gonzalo, gracias por escribir sobre las mujeres, eso ya te honra. Continúa con ello a ver si puedo opinar algo sobre la próxima. Me encantaría.
    Saludos palmeiráns

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *