Máis alá da pintura

SOLISTAAntonio Piñeiro. O que non esperamos, ao asistir a unha mostra pictórica, é ser nós o obxecto da observación, ser nós os observados/as. Iso é o que me aconteceu con esta última de Mónica Ayaso. Atopei esa ollada inversa, multíplice, mais unívoca, que semellaba coma dun ente vivo ou unha presenza máis alá da pintura. O ollo, fixo en nós, deste Solista celestial, que fun atopando/sentindo mentres facía o percorrido.

Escoitabámolo dende os vellos escanos da facultade: La chiquita piconera(Julio Romero de Torres), a moza da perla (Vermeer), a ollada de Inocencio X (Velázquez) ou o ollo de Buñuel. Unha ollada coma do ser que nos espreita dende a outra cara da realidade, que quizais é a nosa propia ollada no espello onírico do surrealismo ou quizais a do anxo místico da vida, do grifo babilónico que sempre hai no seu misterio/soño. Por certo, que o soño de Nabucodonosor, o rei babilonio, contado no Libro de Daniel, é un dos primeiros cos que se interpreta o Mundo.

Dicía Vasily Kandinsky que a arte leva sempre unha parte do futuro, o cal é unha maneira de dicir que a arte é esa ollada: a forma intuitiva do coñecemento. Kandinsky escribiu Do espiritual na arte para dicir exactamente iso: que a arte é o que nos explica sen necesidade de apelar á razón. E eu albisco, pola miña banda, que ese mesmo é o fundamento de Mónica Ayaso. Que Mónica Ayaso conduce o seu monólogo interior de tinta, colaxe e pastel polo metauniverso intuído, mesturando o imaxinario persoal co imaxinario tradicional galego dos mouchos (La mirada), fadas, trasgos, buguinas mitolóxicas (Hynos), ninfas (Magia), fénix e seres híbridos (Dile a la luna) e cos abstractos da secuencia filosófica que tamén move a súa pintura: o apego, a maternidade, o amor, a exploración do ser, a interpretación da felicidade, o misterio da presenza ­ -ese ollo, que non é outro có do misterio do Mundo- e o abraio da beleza. Talmente o que diriamos dos soños.

O surrealismo de Mónica Ayaso aparece entón elevado á categoría intuitivo-intelectual que ao primeiro (visión, alucinación, delirio, subconsciencia) non se lle suporía.

O querido colega e amigo Manuel Cartea explicábao marabillosamente por medio da expresión «sempre anovado movemento surrealista», e á propia Mónica lle escoitamos dicir unha vez que as súas son paisaxes que pertencen a un mundo anterior á humanidade. Non sempre se expresa algo con tal rotundidade. Na propia frase está implícita a idea do transcendental, do intuitivo e da única linguaxe posible para acceder a eses eidos: a linguaxe dos soños. Xa dicía tamén Vasily Kandinsky que o artista debe ser cego fronte á forma (realidade).

Este magnífico «Solista celestial», coa última serie de Mónica Ayaso, podémolo ver na sala d`o Rei Zentolo, na ribeirense Praza de España FOToCARMELA QUEIJEIRO

Esta entrada foi publicada en Antonio Piñeiro, Artes plásticas e escultura. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Máis alá da pintura

  1. Magdalena di:

    Iré a verla Antonio. Yo también os recomiendo una serie de trabajos que está expuesta en el Lustres Rivas de Ribeira . Se llama KAIZEN y se compone de 20 obras abstractas, los autores son Fernando Yáñez y su pequeño hijo Hugo.
    Fernando es licenciado en Bellas Artes y os aseguro que ese trabajo es bello de verdad. Merece la pena contemplarlo.
    Saludiños palmeiráns

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>