Ocio e negocio

ocio1Fidel Vidal. O ocio vén definido polo concepto de inacción. Negocio, de negotium, é unha ocupación, un quefacer, derivado negativo de otium, repouso. O ocio sempre tivo mala sona. Botábaselle a culpa de ser a nai de todos os vicios. Hoxe valórase como un excelente caldo de cultivo para emprender suculentos negocios. Como mostra aí están, dispostos para todos os ociosos, as viaxes de pracer, de todos os praceres, incluídos os perversos.

O traballo entendido como unha ocupación e mesmo como entretemento, ademais de nos afastar do gozo en liberdade, distáncianos da reflexión e do pensamento sobre a vida ou sobre os problemas persoais. Durante as horas de labor non é posible o gozo porque o tempo e os miolos están ocupados. Non hai oco para parvadas. O realmente serio é a ocupación. E nisto estaríamos de acordo se faláramos dunha contenda bélica. Porén non pode estrañarnos que o traballo se convertese nunha terapia, na chamada laborterapia. laborterapiaO traballo curador dos males producidos pola mesma sociedade produtiva –alcohol, drogas, insomnio, angustia, trastornos de personalidade, etc.-, e que pode formar parte da mesma rede na área de servizos. A laborterapia, xunto á terapia ocupacional –ocupado, outra vez o nome que recorda o cartel dun váter en uso-, para que o suxeito se “ocupe” nos deberes a realizar e non perda o tempo en pensar.

As persoas buscan a maneira de entretérense e pasar o rato, non o tempo. Este transfórmase nunha continuidade interminable de “ratos”, capítulo a capítulo, con resumes dos anteriores, como ocorre nas telenovelas. Non se vive o fragmento como un todo nin dentro dun todo senón só o fragmento como tal a repetirse unha e outra vez. Velaí a alienación dentro da alienación e a desestruturación dos fíos cognitivos. Cada vez hai máis xente que non entende ou non sabe seguir a trama dunha película e non digamos dunha novela. Nos talleres de laborterapia, tanto na distribución do traballo como no reparto de ganancias como nos proxectos, poden participar os monitores e os propios pacientes. Semella unha auténtica democracia, un lugar onde é posible a palabra e que, unha vez recuperado o enfermo, e incorporado ao seu posto de traballo habitual contrasta e choca de plano coa empresa, onde o dereito a falar está prohibido. A consigna é: ver, oír e calar. Se precisas falar farano -se os tes ou estás de acordo- os teus representantes. A mudez, daquela, devén absoluta.

ocio2Ocio e paro non son a mesma cousa aínda que o tempo de inactividade teña aparentes similitudes. Non son infrecuentes, maiormente tratándose de xubilados e prexubilados, ademais dos temores á progresiva carestía da vida, as preguntas sobre que facer do tempo, e as queixas das súas parellas ao velos angustiados, deprimidos e con moi baixa autoestima. Hainos que botan de menos o traballo, o traballo como ocupación, e como valor: “Non valemos para nada”. E aparecen os negocios do ocio para que o ocioso deixe de selo e continúe animado, ocupado e entretido. A divertirse tocan! É obrigatorio ser feliz! Encargaranse de tal propósito as distintas administracións e asociacións veciñais con novos profesionais en marcha: os animadores sociais e os expertos en actividades de entretemento.

Son feliz.

            -Voluntario ou forzoso? (Chumy-Chúmez)

2 comentarios en “Ocio e negocio

  1. Moitas grazas polas vosas aportacións. Refírome a ti, Magdalena, e a túa curmá Carmen. Na anterior achega (“Consumo e plus de gozo”) os vosos testemuños complementaron e completaron de forma maxistral o meu texto.
    Saudiña.

  2. ¡¡ Que original lo de Chumy Chúmez !! Y que buen trabajo Fidel, más que periodístico parece una prescripción médica para los ociosos.
    Ya decía Cátulo ” El ocio destruyó las ciudades prósperas ” y hay otra máxima del inventor del pararrayos que dice así ” La ociosidad, camina con tanta lentitud, que todos los vicios la alcanzan “.
    Aunque, después de tantas tareas domésticas que realizamos en nuestros respectivos hogares y lugares de trabajo, la inactividad también apetece. Y acabo citando ” El trabajo es lo más divertido, podríamos pasarnos horas observándolo ”
    Saludos palmeiráns.

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *