Paradoxal anamnese

canon1Xosé Manuel Lobato. Avance pausado, entre Parada e Sober, dunhas augas esgotas na súa propia realidade. Xenuínas do Courel, fillas do Selmo e precursoras dunha forma de existir, auténtico paralelismo co pobo que as bambeou no barrelo natalicio. De orixe humilde, nativas dunha contorna de crueza, natura esixente dende os primeiros andares, os Vieiros obrigan a despenarse no baleiro, mentres discorren fóra dos seus intanxibles límites, sendo expulsadas dunha paraxe fermosa, mais de difícil subsistencia.

Fervenzas, cadoiros, cachóns, abanqueiros e ruxidas, sonorizan animando e impulsando a obrigada romaxe destas augas lonxe da súa terra nai. O seu destino é incerto, navegando sobre a temeridade, porén a incerteza do porvir obriga a estas brincadeiras a sobrevivir nun océano de creativa efervescencia.

Tristura na despedida a Formigueiros. As lenes e densas néboas sobre o caudal son  expresivas bágoas dun adeus morriñento e nostálxico. Augas puras de explosivo vigor que corren na procura de terras alleas. O seu camiñar vai na dirección dun medio hostil, no entanto, o seu único obxectivo é retornar coa terra nai.

Porén, os efectos do desarraigamento, os desprezos e as humillacións, tamén a escasa empatía dos nativos por todo o que chega de fóra e, sen dúbida, a dificultade de adaptación, mentres que a integración se mergulla no pozo da incomprensión.

Dende os tempos que se esquecen na inmorredoira historia das augas do Selmo, a súa aventura foi imitada por milleiros de galegos e galegas nesa extenuante aventura migratoria de Galicia que non ten fin.

Paradoxal ou non, posiblemente polas invocacións e ofrendas das mouras e trasgos, estes dadivosos e benfeitores persoeiros conseguen o ansiado regreso nunha convivencia pacífica coas augas do Sil.

canon2Trasgos e mouras son venerados pola súa invocación e intercesión entre fastosos canóns, pois vagar das augas nesta contorna, permítelle aos agradecidos átomos líquidos realizar unha ofrenda de intenso recoñecemento luminoso nun reverberar efervescente.

Un ritual entre fastosos canóns, confabulación de orixe mística para morar definitivamente na ara de Santa Cristina, onde veneran o setestrelo en danza luminosa ao que se ofreceron para regresar á terra nai.

O rito do retorno provoca emoción contida, o espectáculo semella alegre, mais  ten a súa orixe na tristura do desarraigo, un acto efémero e sinxelo que perdura e se transmite nos xenes dos nativos dunha terra con beizón de sacra.

Impasibles os canóns de Madrid, seguen amosando o seu talante de incomprensión e despedidas, mentres tanto os soños da maioría son afogados neste remanso acuoso coa diplomacia daqueles que din ser os representantes dese pobo que desprezan cos seus feitos.

4 comentarios en “Paradoxal anamnese

  1. Estoy aquí con Eli leyendo este artículo que me quedaba por leer… como todo lo que escribes, con tanto mensaje…. recordándote. Te queremos.

  2. ¿A quién le amarga un dulce ? !! Que buenos sois los de Barbantia !! aunque os he descubierto algo tarde no pienso decir ” A buenas horas mangas verdes ” porque estoy encantada disfrutando del talento de gente tan versada.
    Buenas noches profesor. Tengo mucho que agradecerte, tú has sido esa causalidad.
    Buenas noches Xosé Manuel.

  3. Hoxe estiven máis de dúas horas paseando con Lobato polos montes de Rianxo. Pódoche dicir que é un home que sente a paisaxe tal e como a expresa literariamente.
    Alégrame saber que che gusta o seu estilo, Magdalena. Canto necesitamos persoas que amen así ás árbores e as palabras!
    Apertas rianxeiras

  4. Esto no es un artículo, es pura poesía. Para escribir así hay que sentirlo. Xosé Manuel, ¡¡ enhorabuena !! Como decía el poeta, ” poesía eres tu “.
    Gracias . Saludos palmeiráns

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *