O valor dunha man

manFrancisco Ant. Vidal Blanco. Agora mesmo non lembro en que conto de Miguel Torga se fala dun médico de Tras-os-montes especializado en facer eivados para pedir con causa nas portas das igrexas e nos camiños das romarías. Quédame daquela lectura unha amarga sensación, un arrepío que soseguei convencéndome de que aquilo só era un conto, unha fantasía do autor, algo que por raro e insólito nos parece imposible. Pero agora, tras coñecer o caso dun paisano de Castellón, de quen a prensa se fixo eco hai unhas semanas, veño saber que aquel conto dos mutilados só é unha anécdota.

Todos temos algún coñecido que por mor dunha ferida mal curada, cos anos pode acadar unha invalidez con dereito a paga, pero non deixa de ser un accidente non desexado. Tamén sei dun obreiro que despois de levar un golpe na cabeza, a raíz do que sufriu unha paulatina incapacidade, esta non lle foi recoñecida como accidente laboral e xubilouse tendo que saír á rúa con bastón e en compañía dalguén. Por suposto, ningún destes casos ten nada que ver con aqueles oficiais da mendicidade de quen fala Torga, verdadeiros expertos na arte de dar mágoa para gañar o pan de cada día. Pero o deste castellonense que se amputou unha man no Nadal do 2007, ó verse incapaz de devolverlle ó banco o préstamo pedido para facer a casa que logo lle embargarían, e así cobrar o seguro, é verdadeiramente insólito.

Eran as simples necesidades dun pobre que coa seguridade do traballo honrado esperaba acadar o seu propio teito. Tal vez non fixo ben os cálculos, non se decatou de que as condicións por el asinadas baséanse, como todos os préstamos, na usura, e a maiores viñan amparadas polo rolo dunha crise que xustificou a suspensión de postos de traballo para que cando volvesen, os que volveron, o fixesen en precario. Por falta de medios, a súa hipoteca converteuse nunha carga insoportable. Nada arranxaría o seu problema, e incluso coa morte llo transmitiría ós herdeiros. Rembrandt_-_La_Leçon_d'anatomieO home barallou mil e unha posibilidades de solución e escolleu a que entendeu menos daniña para os seus, seguramente a mesma que escollería algún daqueles opositores a mendicantes dos que nos fala Miguel Torga, pero dado que non podía ir a ningún hospital demandando «inutilíceme esta man para cobrar un seguro», solucionouno pola tremenda.

Certamente, como me explica o meu amigo Afonso, axente dunha coñecida aseguradora, o home quixo ser máis ladrón cós ladróns, e despois de contratar varias pólizas amputouse, a si mesmo, a man dereita (son incapaz de imaxinarme como o fixo), tirouna debaixo do asento do seu coche, simulou un accidente deixando caer o vehículo por un terraplén, púxolle lume, chamou ó 112 e sentou a agardar polos servizos de auxilio fumando un pito coa man esquerda. A verdade é que hai que ter moito valor e estar moi desesperado para facer tal.

Socorrérono, curáronlle o toco e reclamou os dereitos a cada un dos seguros contratados, sen contar con que as aseguradoras van pola vida de almiñas da caridade pero non teñen dor (isto tamén mo dixo o meu amigo Afonso), e por moito que o corte foi sen bisturí nin anestesia, e que a amputación estaba garantida polas pólizas, agora terá que devolver o cobrado, pagar a hipoteca, quedar sen casa, ir ó cárcere e seguir sen man dereita, a man coa que se selan os tratos, se saúdan os amigos e se persignan os crentes.

Unha vez máis a literatura adiantouse a caricaturizar a realidade.

Un comentario en “O valor dunha man

  1. Uff, Francisco, que duro y real es tu artículo. Se me ha puesto un nudo en la garganta. Una historia terrible de verdad, y cuanta gente se encontrará en la misma situación. No me atrevo ni a pensar de qué manera ejecutó la amputación este pobre señor, y lo más terrible si te paras a pensar es , cuantas noches y días se pasaría imaginando la forma de llevarla a cabo. Esa debe ser una psicosis tremenda, cuánto sufriría en esa antesala previa a la ejecución. Muchas veces compramos el dinero demasiado caro.
    Solo se me ocurre esta frase de Quevedo: – ” Donde hay poca justicia es grave tener razón”
    Besiños palmeiráns Francisco

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *