Paisaxes urbanas como espazos de lectura da historia

paisaxes urbanas
Vista aérea da vila de Noia, unha paisaxe urbana de séculos

Pedro García Vidal. Sobre o substrato natural que lle dá forma, a cidade preséntase como a máis artificial das paisaxes: un entrabado de espazos libres e edificados resultante da interacción dos seres humanos coa natureza. A paisaxe que se nos mostra é só o resultado final dun longo proceso de transformación. Por iso, e dado que diferentes sociedades actuaron sobre o espazo, cadansúa coas súas características propias, o resultado é un lugar singular, individualizado, ditado de formas particulares, determinadas non só polas súas propiedades morfolóxicas naturais, senón tamén pola identidade cultural e histórica. Cada cidade ofrece así unha cara particular, un rostro con fisionomía propia.

Cada paisaxe é un depósito histórico e un espazo onde podemos ler o paso do tempo. A paisaxe de vilas antigas como Noia ou Muros, nas que hoxe vivimos, foi conformada por xeracións anteriores, e é o resultado dunha historia caracterizada por períodos de transformacións e outros de relativa estabilidade. Esa historia aparece en forma de capas, polo que as súas paisaxes son como formacións xeolóxicas. Cada xeración deixou tras de si un estrato propio, unhas máis, outras menos. Unha serie de capas de intensidade diferente retroceden ata as orixes remotas das vilas históricas de Noia e Muros.
As capas do tempo aparecen espalladas polo espazo urbano en forma de restos incompletos que actúan como fósiles directores. Cando destruímos algunha destas testemuñas, borramos a pegada dun pasado propio, estamos perdendo algo que nos pertencía a todos. A perda prívanos da memoria do que fomos e, polo tanto, da identidade do que somos. O que está en perigo é a autenticidade, a identidade dunha forma particular de vivir en comunidade. Por iso, ante o dilema construción-destrución vemos igualmente defendibles tanto o gran monumento que define as ambicións artísticas dunha época, como as casas de construción tipolóxica e materiais humildes que reflicten o carácter urbano e humano dun momento determinado.

Entender a realidade urbana actual como o resultado dun proceso de relación dos seres humanos e o espazo, vai alterar a maneira en que sentimos e vivimos a cidade. Supón unha invitación a coñecer a cidade en que habitamos facéndonos partícipes dela. Andar, perderse polas súas rúas máis secretas, explorar os seus múltiples trazados, mirar as pegadas doutros que nos precederon, sorprenderse entre un mar de xeometrías, descubrir canto nos rodea con outra mirada non deixa indiferente. Ser consciente do patrimonio perdido ou deteriorado, así como descubrir novo patrimonio, desenvolve dinamismo, optimismo, referencias que dan identidade e futuro ás xentes que habitamos o lugar. Constitúe sempre un pracer mirar a particular paisaxe dunha vila ou cidade antiga cunha mirada interesada, pois supón penetrar a súa alma máis íntima, comprender os procesos que conduciron ata a crise do presente, e participar doutras opcións de desenvolvemento urbano máis sostibles.

3 comentarios en “Paisaxes urbanas como espazos de lectura da historia

  1. A perda de identidade dos nosos pobos, ben dada pola desidia e prepotencia dos mandatarios que —como deixas ver—, dende tempos inmemoriais o levamos sufrindo.
    O seu afán de protagonismo, non permite que ninguén destaque por riba das súas figuras. De aí que non queiran compartir nada con ningunha filantrópica comisión asesora externa, que vele por la historia, estética e protección dos elementos que manteñen a prosapia dos pobos.
    Se estes elementos se perden, podían desaparecer con elo, a fala, o arte, a paisaxe, e o peor de todo; os cocidos e a empanada de berberechos.
    Trocamos a nosa arquitectura por calquera moda invasora de liñas de sable, escuadra e cartabón onde algo ten que ver, o Colexio Oficial de Arquitectos, que o fiscaliza todo e non coñecen nin saben en que paraxe urbano, rural ou marítimo se vai a instalar o visado. O feismo non nace; faise.
    Eu céntrome na miña paixón megalítica como ti Pedro, ben resumes na túa estimable obra, paixón tamén do mestre Agrafoxo onde a pesar das décadas que levamos delatando a falta de consideración cara os nosos vestixios máis remotos, seguemos cangando coa indolencia, apatía e deixades destas gloriosas galaicas administracións.
    Que a estas alturas non haxa un inventario do noso patrimonio arqueolóxico, cun programa de custodia, seguimento e posta en valor do mesmo, da a impresión que vivimos nun país de trangallada.
    Son moitos os poboados que faltan por localizar, onde se asentaban os construtores das arcas, mámoas, dolmens, casotas, covas, antas, menhires e gravadores de petróglifos.
    De non ser pola insistencia privada de persoas coma ti, o procer Fabeiro, poetas e artistas do municipio, Noia quedaría sen a cerne que alimenta a súa entidade cultural, nobreza e paisaxe urbana.
    Pese a toda esta agrea crítica: Noia e diferente.
    Grazas por ese gran traballo, Pedro.

    1. Grazas Mingucho polas túas amables palabras. Xa van alá unha chea de anos daqueles paseos polo Barbanza na compaña do amigo Agrafoxo na procura de monumentos megalíticos. Ao igual que entón, seguimos pensando que só dende o coñecemento pode loitarse contra a destrución da identidade. Por iso, é necesario non perder a esperanza e seguir na loita cotiá de facer pedagoxía sobre un pasado que nos trouxo a este presente que somos. Contra a mitoloxía política, baseada na publicidade das bondades do “gran Plan Xeral”, ou a elección da parte da historia que convén ou queren mostrar, hai que opoñer a creación dunha mitoloxía do territorio e da cidade que lle faga contrapeso, unha mitoloxía baseada na historia, na investigación. Unha aperta.

Deixa una resposta a Mingucho Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *