O arcebispo poeta

santiagoPastor Rodríguez. Santiago Agrelo Martínez, nacido en Asados, Rianxo, en 1942, ingresa en 1953 no convento franciscano de Herbón, para estudar logo Filosofía en Ponteareas e Teoloxía en Salamanca. Especialista en Liturxia, ensinou esa materia en Roma e no Instituto Teolóxico de Compostela, pero exerceu tamén como párroco en moitas parroquias do Bierzo. No ano 2007 foi nomeado arcebispo de Tánxer e a súa intención foi estar próximo da xente e servir de ponte co mundo musulmán. Home comprometido, ademais de participar na edición en galego do Diurnal e do Leccionario, e de publicar obras teolóxicas e artigos da súa especialidade en revistas como Liceo Franciscano, Antonianum, Compostellanum, Lumieira ou Encrucillada, é tamén poeta, quer en galego, quer en castelán, autor dos volumes Diurnal (seguido de Dicionario de soños) e En el cristal de la noche (poemas y canciones), os dous editados en Santiago por Follas Novas no ano 2007. Poesía relixiosa, pero comprometida co mundo actual, que amosa unha profunda cultura clásica. Xa en 2015 publica Emigrante, el color de la esperanza. Un bispo para quen a Teoloxía debe atopar unha linguaxe axeitada a fin de explicar a fe ás xentes do momento actual, poñendo o acento no servizo aos máis pobres, e aberta ao mundo científico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *