Solsticio de inverno

SOLSTICIOMaría Xesús Blanco. Paisaxe silenciosa. Suave. O marco da fotografía é o oco dunha ventá. Perspectiva dende a fiestra do dormitorio principal. A alborada semella luminosa e, ao mesmo tempo, cadenciosa. A beleza xorde devagar, como a neve. Non todo é frío e escuridade nos meses do solsticio. De socato, a densa néboa do outono deu paso a unha tonalidade gris encartada nunha fina capa de escuma branca. É sempre agradable mudar de pel dun xeito harmonioso.

Paisaxe limpa. Diáfana. Paisaxe que recende. Neste tempo o espectador agradece o espectáculo natural sen escintileo de luz artificial. Paisaxe que é fondo de todas as paisaxes. Ao seu redor emerxe unha epiderme branquísima que antes non existía. E no centro o castiñeiro ancorado ao chan agarda baleiro de equipaxe. Porén, a nudez das polas gorece a quentura das folerpas máis miúdas. E a madeira da soleira acolle silandeira a lentitude da nevisca. Aínda que a teimosía do inverno tente asoballar o interior da estancia. Aínda que neste intre non se escoiten voces nin murmurios aloumiñando o solsticio. Nin se oian as risas que restaurarían as pegadas doutro amencer na eira.

Paisaxe de inverno. Transparente. Paisaxe absorta no oco dunha fiestra, no horizonte espallado, na sensación poderosa desta luz tan fresca.

4 comentarios en “Solsticio de inverno

  1. Completamente de acuerdo con Gonzalo.
    Desde ese hueco de la ventana en que enmarcas la sutileza de tu relato acompañado de la poesía con que lo expones, percibo claramente ese fantástico paisaje de invierno. Mil enhorabuenas María Xesús.
    Saúdos palmeiráns

  2. Tamén eu pido máis regalos coma este. E aproveito para botar en falta
    as fermosas paisaxes do amigo Lobato. A un sedentario coma min véñenlle
    moi ben para viaxar.
    Apertas para os dous

  3. Bos días. Fermoso como a paraxe que acolle imaxe é o teu pé de foto. Aquí no meu cuarto, sento o silencio que reina no espazo aberto diante da fiestra. A ver se te animas a facernos algún regalo máis como este. Cordiais saúdos.

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *