Tradución, alento e maxia das palabras

arteFidel Vidal. Traducir é pasar dunha lingua a outra determinados textos. Traducir, transducere, conducir, é un xeito de traslado máis que de cambio, un paseo, un paseo por unha ou por dúas ou máis linguas. Walter Benjamin afirma que a tradución favorece o salto por riba da lingua propia, pero ese acto implica unha incomprensión e unha fronteira infranqueable no nivel musical da lingua, incluso sen falar de poesía. A Poética, a diferenza da Lingüística e da Filosofía, esixe o seu propio ser, o “de seu” que diría Zubiri. E se ao ser nos remitimos, ante calquera estrofa ou verso, ante calquera palabra, entramos “na imposibilidade da tradución considerada como correspondencia, calco, equivalencia, translación, empatía, etcétera, segundo o costume normal dos tratados teóricos e prácticos. O ser non é repetible, polo tanto intraducible” (Domínguez Rey, O Espírito da Palabra).

Borges, en Arte poética, seis conferencias, considera o problema da tradución poética como un problema menor, aceptando como importante e nuclear  a “superstición amplamente arraigada” de que toda tradución traizoa os orixinais, expresado no coñecidísimo xogo de palabras italiano: “Traduttore, traditore”. Mais sendo un problema menor non por iso deixa de ser moi pertinente. “Esta discusión -subliña Borges-  debería facilitarnos o camiño cara ao tema da música das palabras (ou quizais a maxia das palabras), do senso e do son na poesía.”

Tomemos o exemplo -segue Borges- dunha tradución non só irreprochable senón tamén fermosa, unha tradución do español: “Trátase do marabilloso poema Noche oscura del alma, escrito no século XVI por un dos máis grandes -poderíamos dicir sen temor o máis grande- dos poetas españois, de todas as persoas que usaron a lingua española con fins poéticos. Estou a falar, por suposto, de san Juan de la Cruz. A primeira estrofa di así: En una noche oscura,/con ansias en amores inflamada,/¡oh dichosa ventura!,/ salí sin ser notada/ estando ya mi casa sosegada.

“É unha estrofa marabillosa. Pero se consideramos o último verso extraído do seu contexto e illado (seguramente é inadmisible facer unha cousa así), resulta un verso máis ben mediocre: estando ya mi casa sosegada. Temos o son seseante das tres eses de casa sosegada. E sosegada non é precisamente unha palabra excepcional. Non intento menosprezar o texto. Só sinalo (e axiña verá por que o fago) que o verso, illado, extraído do seu contexto, é bastante trivial.”

royHai algúns anos, un gran poeta escocés, Roy Campbell, emprendeu unha tradución da Noche oscura del alma. O verso citado “estando ya mi casa sosegada” Roy Campbell traduciuno así: “Whem all the house was hushed” (“cuando toda la casa estaba callada”). Encontramos a palabra “all”, unha palabra que dá sensación de espazo, sensación de inmensidade, ao verso. E deseguido a fermosa, a preciosa palabra inglesa “hushed”. “Hushed” -remata Borges-, semella ofrecernos a verdadeira música do silencio.

Para os “creacionistas”, segundo Vicente Huidobro, o que importa é presentar un feito novo, interpretable e universal. Así tamén pensa Gerardo Diego, para quen o valor poético da palabra, do poema, “non reside na súa pel, na súa sonoridade e matices lingüísticos intraducibles, senón no seu significado. Tanto nós [en referencia a Juan Larrea] como Vicente Huidobro estimabamos que o profundo da poesía é o que ten de traducible.”

3 comentarios en “Tradución, alento e maxia das palabras

  1. Alédame volver a atoparme co nome de Roy Campbell. Eu coñecino investigando para a biografía que escribín de Faustino Rey Romero. Ao crego de Isorna presentoullo Antonio Tovar en Salamanca e conxeniaron de inmediato. Don Faustino fíxolle unha entrevista que publicou El Faro de Vigo e acompañouno na última visita do poeta (creo recordar) sudafricano a Galicia. Mesmo publicou outro artigo no Faro cando Roy Campbell morreu nun accidente de tráfico en (creo recordar) Setúbal. Roy Campbell traduciu ao inglés os Catro sonetos a unha rosa do crego de Isorna. Tiveron unha amizade ben curiosa, xa que eran de ideas políticas distintas. Pero fixáronse máis en todo o que os unía, como o celtismo ou o amor a Rosalía, que naquilo que os separaba.
    Saúdos

  2. Hola Fidel: ¿ Sabes que siempre pensé que traducir una novela o una poesía, para no desvirtuar el texto debía ser harto complicado? Como tu bien dices el traducir es una forma o manera de traslado más que de cambio pero, ¿ no crees que a veces puede resultar lo contrario ? ese traslado puede trocarse en cambio dependiendo, no de los conocimientos del traductor si no, de la sensibilidad o lo afectivo que sea ese intérprete, especialmente cuando se trata de poesía . Y efectivamente, si el que traduce trabaja con afectividad, Walter, puede tener razón en que puede favorecer a la propia lengua en la que originalmente está escrita.
    Referente al hermoso verso de san Juan de la Cruz, encuentro muy pertinente la traducción de Campbell ( ” cuando toda la casa estaba callada “) ya que estar sosegado es estar tranquilo, apaciguado, reposado…
    El pensamiento de Gerardo Diego es muy acertado cuando dice que lo más importante es el significado de lo que desea representar la poesía pero, yo opino que la tonalidad del poema es también imprescindible.
    Que la noche te guie Fidel, pero no la oscura, que sea amable y con alborada.

    1. Grazas como sempre, Magdalena, pola túa aportación. Aproveito para escribir unha nota encol do poeta Roy Campbell do que só tiña noticias pola referencia proposta de Borges. De ascendentes escoceses o caso é que Campbell naceu en Durban (Sudáfrica) e axiña estudou en Oxford e Londres, onde tivo relación de amizade con autores como Aldous Huxley, Dylan Thomas ou T.S Eliot. En España coverteuse ao catolicismo e, como bo converso, tomou partido por Franco na guerra civil, se ben durante a Segunda Guerra Mundial, “empuñou as armas” contra Hitler e a favor dos aliados. Esquecido e mandado ao ostracismo, traduxo ao inglés bastantes autores españois, en especial do Século de Ouro. A revista de Camilo José Cela “Papeles de Son Armadans” (1957), un mes despois da súa morte, fíxolle unha homenaxe, na que colaboraron, entre outros, Caballero Bonald, que sentía gran admiración, e dicía de Campbell: “Que la tierra le sea leve a este hombre puro y sin tacha, a este cuyo calendario marca ya las fechas sin tiempo de los elegidos, e este español (sic.), tan patricio y popular.” (ver J. I. Gómez López, Universidade de Almería)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *