Camuflaxe, de Lupe Gómez

camuflaxeFidel Vidal. Se hai unha palabra para definir a Lupe Gómez é a de escritora. Porque Lupe escribe cartas, postais, detrás das fotos, en follas de almanaque, de cadernos, en papeis de bares, tarxetas de museos, en mensaxes de móbil. E mesmo unha novela ou unha entrevista, unha obra de teatro e, sobre todo, poemas. A súa voz resoa libre como unha fervenza rompedora: O atraso económico de Galicia / era unha forma de vangarda artística. Desde Pornografía até esta súa derradeira publicación, Camuflaxe (Chan da pólvora, Santiago de Compostela, 2017), xamais deixou de escribir. Camuflaxe, nunha exquisita edición, é un canto elexíaco dedicado a súa nai: Á miña nai, na fraxilidade íntima da lúa. A todas as nais. Paríchesme!, como quen, só dun trazo, crea unha obra de arte. Abonda un sorriso, unha mirada, para sentir a vibración do lampo da vida.

Ao levantar a portada descubrimos, impoñente, o retrato de “Pepa da Visa”, a bisavoa materna da autora. Esta fermosa fotografía pode resumir o contido do texto. Porque nela, nas súas extraordinarias mans, reflíctese todo un universo. As mans, a figura enteira, modelo para o inesquecible pintor de Lantaño, Pesqueira, son as mans herdadas na familia, as dos seus pais Ramón e Celestina (Somos dous paxaros faladores. Dous lumes novos ./ Temos cinco fillos, seis partituras, sete vacas e dous cans), mans que reproducen a terra que acaricia, o río que lava (LAVABAS A ROUPA azul no río, / no inverno, en silencio), a herba que alimenta, as mans nubes e sol, o pan con recendo a forno, o leite e o queixo, o sal da vitoria. Mans da tribo de Fisteus, a tribo do mundo, que debullan maínzo e atan os cordóns dos zapatos dos cativos. BAILABAS, e sachabas na leira.

Foto: El Correo Gallego
Foto: El Correo Gallego

Camuflaxe significa confundirse co exterior, disfrace, disimulación dun obxecto para evitar o recoñecemento da súa verdadeira natureza. Así o define o dicionario. Pódese comparar con mimetismo, imitación, asemellarse a outra cousa. Pero, antes que nada, a camuflaxe é unha identificación co medio, ser cos outros seres do entorno. A bioloxía apréndenos que os predadores tampouco deixan en paz aos camuflados e, na mesma porcentaxe, dan tanto cos que se defenden mediante o mimetismo coma os que non. O mimetismo non supón que o individuo se apropie do medio senón que é o medio realmente quen se apropia do individuo. Só podemos soñar se abrimos moitísimo as portas, / recitando con forza, expulsando as raíces, / a auga verde do pozo, a nosa identidade.

Á filosofía, di Th. W. Adorno, e pódese aplicar á poesía, sucédelle o mesmo que á mala pintura, que imaxina que a dignidade dunha obra e a celebridade que adquire depende da dignidade dos obxectos representados. Que maior dignidade que as mans dunha labrega? Mans merecedoras dunhas vacacións: FOMOS DE VIAXE a Louro. O límite de Galicia. / As nosas primeiras vacacións. Tiñas 70 anos. / O mar acollíanos. “O pasado –segue Adorno- non ten outra esperanza que a de, abandonado ao infortunio, rexurdir del transformado. Pero quen morre desesperado é que a súa vida enteira foi inútil”: Rías. / Facíache graza caer na inmensidade salgada do océano. / Parecías unha nena cun vestido luminoso, / nai camuflada na auga do mar.

2 comentarios en “Camuflaxe, de Lupe Gómez

  1. Buenas tardes Fidel:
    Me gustaría encontrar esa novela de Lupe Gómez. Por tu artículo considero que debe merecer la pena conseguirla. Todo lo que se escribe sobre una madre sale del corazón porque nunca en la vida encontraremos ternura más desinteresada ni verdadera que la de nuestros progenitores.
    Sobre el mimetismo o camuflaje, es muy bonito eso de que : no significa que el individuo se apropie del medio, sino que es el medio el que se apropia del individuo. Seguro que te acuerdas de aquello que decía Hipócrates : ” La naturaleza obra sin maestros “.
    Espero que hoy, día de san Jorge te hallan regalado un buen libro. Yo contaba con uno muy bueno que se llama ” Un asesino felizmente casado ” pero no han podido conseguírmelo. Me he quedado con la rosa, efímera, pero de agradable perfume.
    Salud, querido Fidel.

    1. Prezada e atenta Magdalena:
      “Fisteus era un mundo”, editado por A Nosa Terra, é a narración de Lupe Gómez máis coñecida, que fala con moita tenrura, dunha estrutura social a desaparecer, unha obra á altura das “Memorias dun neno labrego” do inolvidable Neira Vilas, quen encomiou a Lupe na súa obra. Grazas por recordar o meu “Asasasino”, unha curta edición persoal xa esgotada.
      Saúde e felices e produtivos libros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *