Galicia e os galegos na poesía castelá. LX. Gustavo Martín Garzo

Martin A. La ReginaRomán Arén. Gustavo Martín Garzo (Valladolid, 1948) fíxose ben coñecido en 1993 cando gañou o Premio Nacional de Narrativa con El lenguaje de las fuentes, aínda que xa publicara antes outras novelas como Luz no usada (1985), Una tienda junto al agua (1991) e El amigo de las mujeres (1992). Logo virían outros volumes narrativos, entre os que destacan La princesa manca (1995) ou Las historias de Marta e Fernando, Premio Nadal en 1999. É a súa unha narrativa lírica, de fermoso estilo, tendente ao fantástico e o mítico, aínda que algúns críticos censuran o exceso de emotividade dalgunhas pasaxes. Pero eu tráioo aquí por un poema de mocidade que en 1970 dedicou ao pintor d’A Pobra do Caramiñal Rafael Rodríguez Baixeras (1947-1989), que se imprimiu para o díptico dunha exposición do pintor na galería Fort de Tarragona.

O poema reprodúceo o mellor coñecedor da pintura de Baixeras, Jesús Mazariegos, na monografía que dedicou ao artista no ano 2002:

Y eso hacemos/a partir de aquí/podemos orgullosamente lucir en nuestros pechos/el título de artistas del vacío.

Así remata o poema que premonitoriamente adianta o camiño cara á abstracción de Baixeras. O resto do poema manifesta ese mesmo nihilismo, o gusto polas marxes:

Pero hay veces que todo se desune./Estamos al borde del abismo/y el silencio/se cuela por los poros/de estos lienzos abiertamente blancos/a la nada./Es un estar aquí/y un alejarse de esta falsa luz/que desdibuja los fondos;/un permanecer pincel en mano rota/por el absurdo de los límites,/entre la débil visión/que nos devuelve intacto el perfume del engaño./Un alejarse digo/digo/que estos frentes de dibujos aplastados/nos hacen caminar/sobre la inútil explosión/de valores muertos.

Cando o Centro Galego de Arte Contemporánea edite o catálogo que dedicou á exposición de Baixeras (1999), incluirá un texto en prosa de Martín Garzo, “Pájaro equivocado”. Rafael R. Baixeras será tamén cantado, pero en galego, polo seu irmán Xavier Rodríguez Baixeras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *