De ratos e homes

lumeAntón Riveiro Coello. Maio foi de Carlos Casares. O outro día, na presentación dun libro arredor del, ficamos ás escuras en Xinzo e, baixo a luz dunha lanterna que inspiraba un lume de lareira, todo transcorreu dun xeito máis espontáneo. Alí, Xavier Casares contou anécdotas memorables e falamos do medo aos ratos do seu pai, que tiña sona de valente. O meu pai tamén era home afouto, pero, por desgraza, iso non se herda. Con todo, o tema trouxo un feito do que sempre me sentín orgulloso e que aconteceu en Madrid, no nacemento da miña segunda filla, cando me preguntaron se ía asistir ao parto e dixen que si, mentres Mar, a miña muller, se perdía polo corredor e avisaba que non era boa idea porque me desmaiaría. Pero eu estaba decidido. E agardei e vin unha enfermeira, un nada revirada, darme dous plásticos verdes con goma elástica. Non sei se foron os nervios ou as películas de hospitais, o certo é que collín un dos plásticos —pareceume unha desas máscaras que adoitan pór os cirurxiáns—, e estirei a goma de orella a orella até me mancar. Foi entón cando a enfermeira, en vez de rir co meu erro, espetoume unha frase tan áspera e lapidaria que aínda hoxe a gardo na miña memoria cunha vergonza retroactiva: “Nos pés, home, nos pés.” Cando entrei na sala de partos, teso, co peito inchado, sentín o aloumiño da ollada de Mar e axiña pechei os ollos, sen soltar en ningún momento a barra que estaba reservada para ela. Mar sempre di que a miña presenza foi fundamental para ela ter un parto distraído. Máis que concentrarse en botar a nena ao mundo, a súa mente estaba posta en min para ver o momento xusto en que eu ía perder o si. Pero non caín. E, si, aínda que lles teño medo aos ratos, nese intre sentinme o home máis valente do mundo.

2 comentarios en “De ratos e homes

  1. A verdade, Magdalena, é que a enfermeira era un pouco seca. Nin lle entrou a risa. Tratoume coma un parviño e púxome moito máis nervioso do que xa estaba.
    Bicos,

  2. Efectivamente, Antón, participar en un parto ( aunque sea como observador ) ya es de intrépidos. Y según Alonso de Ercilla y Zúñiga ” El miedo es natural en la gente prudente,y el vencerlo es lo valiente”.
    Muy simpática la anécdota de los calcetines plásticos . Te imagino con ellos puestos a modo de mascarilla y … que risa.
    Cariñosos saludos palmeiráns

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *