Joyce (III), a aptitude da vangarda británica

imaxinismoGonzalo Trasbach. E que se pode dicir da aptitude da chamada vangarda británica no momento da irrupción do “Ulysses” no escenario literario dende 1922 ata 1939? A pregunta é pertinente, polo menos, dende o punto de vista da historia da creación literaria daquela época. Lembremos que no ano da aparición desta obra de Joyce, os considerados integrantes do denominado movemento modernista tiñan unhas certas concomitancias moi semellantes coa escritura joyceana. Ademais, Joyce, pese aos esforzos de Ezra Pound, non entrou ou non foi considerado con valor suficiente coma para figurar na antoloxía dos Imagistas, nin tampouco foi admitido na relación de integrantes do Movemento Vorticista, artillado ao redor da revista Blast. Agás contadas excepcións, a meirande parte da constelación de autores vangardistas nada quixo saber del. Máis ben, todo o contrario.

Neste senso, e deixando á marxe o rexeitamento por parte dos membros da Academia e dos considerados escritores oficiais ou do sistema, nin Portrait, nin Chamber Music, Dublineses ou Exiliados tiveron unha boa acollida por parte dos creadores desa década. Da queima tampouco se librou Ulysses e menos aínda “Finnegans”. Claro que houbo notables excepcións, algunhas sobresaíntes como é o caso de Pound ou o do crítico Válery Larbeau. Mais isto non foi o caso doutros colegas do escritor daquel momento.

Para empezar, o moi progresista Círculo de Bloomsbury, co matrimonio Leonard e Virxinia Woolf á cabeza, mostrou un notable desprezo cara ao novo traballo do dublinés. O matrimonio Woolf dispuñan dunha pequena editorial a través da cal se dedicou a introducir no ámbito británico as novelas dos escritores rusos e mesmo a obra de Sigmund Freud. E foron tamén os primeiros editores de T.S. Eliot. En cambio, cando, por recomendación de Roger Fry, Harriet Miss Weaver visitou aos Woolf para ofrecerlles a publicación do volume de Joyce en Hogart Press, rexeitaron tal oferta. Alegaron que a súa editorial era moi pequena para levar a cabo un traballo de semellante envergadura. Mais isto non era o problema. O asunto era que exporse a publicar un libro no que os dous heroes eran seres repugnantes (un deles tírase unha palla diante dos lectores, e o outro está cheo de piollos) resultaba algo escandaloso para as súas mentalidades aínda ateigadas de prexuízos vitorianos. Neste punto, Virginia Woolf nunha conversa con Eliot comentou: <É un libro sen educación, a obra dun obreiro autodidacta, dun escrupuloso universitario que se raña os grans>. Ao mesmo tempo, a señora Woolf anotou no seu diario un comentario burlón sobre Miss Weaver e falaba dun libro cheo de indecencias. A opinión do seu colega Edmund Gosse resultou moito máis hostil e violenta.

virxiniaDese exército de escritores que detestaban a obra e a figura do arrogante dublinés formaban parte, entre outros, o vello Bernard Shaw, e tamén o novelista e editor Ford Madox Ford, que non obstante tivo a idea de “Work in Progress” para designar a escrita que daría lugar a “Fineggans”; George Moore, o poeta irlandés que dixo: <Joyce, Joyce, que non é ninguén…Do porto de Dublín, sen familia nin educación>. Pero sobre todo Whyndham Lewis, poeta, escritor e fundador do Movemento Vorticista, e D.H. Lawrence: <Meu Deus! Que torpe ola podre é James Joyce…> e cualificou o Ulysses coma <asqueroso>, e mesmo Conrad e E.M. Forster. En canto a H.G. Wells, con quen se vira Joyce en 1928, e a quen lle pediu axuda para o novo traballo que estaba escribindo, Finnegans Wake. No libro de Richard Ellmann está enteira a carta de contestación, carta da que María Lozano deduce que Wells detectou inmediatamente o potencial subversivo da obra de Joyce, unha subversión, recalca a zaragozana, que apunta coma unha ameaza contra dunha tradición inglesa que o dublinés respecta, pero que a súa obra vai rebentar de raíz.

2 comentarios en “Joyce (III), a aptitude da vangarda británica

  1. Bos días Magdalena. Seguramente que é como dices. O problema de Joyce, ademais do que ti indicas, era que Irlanda, o seu pais, ao que amaba pero ao que tamén lle zoupaba, o dotou dun carácter endemoniado. Saúdos e moito obrigado polas túas, sempre animosas, palabras.

  2. Querido Gonzalo:
    Cuantas cosas aprendo en este café¡¡ Así que mi admirado Bernard Shaw, también formaba parte de los escritores que aborrecían a Joyce. Nunca hubiera pensado que el autor de Pigmalión, detestase a su compatriota. Y por lo que dices, Gonzalo, hay un largo etcétera de escritores que detestaban su obra.
    Seguramente, Joyce, en aquellos tiempos usase un lenguaje extremadamente crudo e incluso, irrespetuoso pero, el tiempo pone todo en su lugar.
    Saludos palmeiráns.

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *