Makbara, na memoria de Juan Goytisolo

goi1Fidel Vidal. Na praza de Xemaá-el-Fná de Marraquech, hai unha placa enorme que certifica en varios idiomas a súa declaración como patrimonio inmaterial da humanidade. Moito tivo que ver nesa proclamación Juan Goytisolo (1931-2017), que presidiu durante anos o comité de selección da Unesco: “Foi unha maneira de a protexer da especu­lación inmobiliaria”. Preto dela mercou unha casa en 1981, “cando ninguén quería vivir na Medina”; de aí o verbo “medinear” que el distingue de “pasear”. Un ano antes publicara Makbara, unha novela dedicada “aos que a inspiraron e non a lerán”, é dicir, aos habitantes da cidade ocre-rosada.

Nunha conversa con Günter Grass, Goytisolo comentaba: “A Unión Europea, da que tanto se fala, até o de agora é só unha unión bancaria, unha unión de moedas” (…) “Estou absolutamente de acordo en que, talvez, o fundamentalismo máis grave de hoxe sexa o da tecnociencia, naturalmente ligado aos intereses do gran capital”, frase que repetirá no discurso do Premio Cervantes, cerimonia onde lle deu uso á única gravata que posuía. Non nos sorprende que Makbara (cemiterio en árabe) veña precedida, ademais dun proverbio marroquí e un par de versos do Soneto 129 de Shakespeare, dunha frase de Marx tirada do Manifesto Comunista: “Nas augas xeadas do cálculo egoísta”.

Se Don Julián foi escrita baixo a advocación de Góngora, Makbara invoca o Arcipreste de Hita: “Escoitando unha das historias que contaba un xograr da praza ao que alcumaban Cohete -era moi alto- reparei en que no Libro del Buen Amor hai unha versión parecida. Frecuentar a praza axudoume a comprender a tradición española e o contexto no que funcionaba a oralidade. Tratei que iso estivese na novela, por iso sempre aconsello, como para o resto dos meus libros adultos, unha lectura en voz alta, ás veces incluso cambiado o ton: grave, irónico…” “A serie de bosquexos e anotacións -apunta Goytisolo- que iniciei entón para unha eventual `Lectura do Arcipreste de Hita en Xemáa-el-Fná´ tomaron, en verdade, un rumbo moi distinto do que me propuña: escapando ao meu primitivo designio, adquiriron pouco a pouco vida autónoma e transformáronse paulatinamente no contexto doutro libro o libriño de boamor:amiña novela o poema Makbara

goi2Volver á Xemáa-el-Fná é “sentirse vivo”, resucitado e transformado. Supón a elección da opción alternativa cultural, posiblemente suxeita a unha difícil comprensión da xente, pero –indubidablemente- “non se trata simplemente, como a primeira vista puidera crerse, dun exercicio de nostalxia senón dunha aposta polo porvir”. Para Goytisolo, a Xemáa-el-Fná é tanto como dicir: “…supervivencia do ideal nómade en termos de utopía: universo sen estado nin xefe, libre circulación de persoas e bens, territorio común, pastoreo, puro impulso centrífugo: abolición de propiedade e xerarquía”. Reivindica o precepto de “obra aberta”: “…lectura en palimpsesto : caligrafía que diariamente se borra e reescribe no decurso dos anos: precaria combinación de signos de mensaxe incerta: infinitas posibilidades de xogo a partir do espazo baleiro, negrura, oco, silencio nocturno da páxina aínda en branco…” Así, con puntos suspensivos, remata Makbara. Descanse en paz Juan Goytisolo no cemiterio civil de Larache, Marrocos, a carón do seu amigo e mestre Jean Genet.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *