Paisaxes graníticas

Veas de cuarzo nun macizo granítico formado hai centos de millóns de anos
Veas de cuarzo nun macizo granítico formado hai centos de millóns de anos

Jose Lires. Co paso dos anos caín na conta de que as sensacións das primeiras lecturas permanecían latentes á espera de aflorar no momento oportuno. Gocei moi novo da narración daquela viaxe arroutada ao centro da Terra, e crin no imposíbel. Tempo despois, dun xeito menos poético, aprendéronme a desentrañar os segredos do interior terrestre nas rochas da superficie. Será por iso que sinto especial afección polas paisaxes esgrevias esculpidas en rocha núa. Xa que logo, non resultaría estraña a elección dun macizo granítico como esa paisaxe merecedora dun libro no cuestionario de Xerardo AgraFoxo. Menos doada ía ser a escolla entre os candidatos: A Curota, monte Pindo, O Confurco… A posibilidade de perderse entre os penedos de calquera destes territorios é sempre un plan atractivo para un xeólogo.

Madrugamos moito este día para aproveitar os primeiros raios de sol que acariñan o terreo levemente. Son as mellores horas para acercarmos ás rochas e observar os seus compoñentes. O estudo minucioso obríganos a deitarnos sobre elas, a pousar os ollos a escasos centímetros da superficie. Pola miña parte, acostumado a ler paisaxes enraizadas en rochas sedimentarias, recicladas de materiais primixenios e ateigadas de vida fósil, tento agora adestrar a mirada na procura de novos elementos, patróns e texturas (unha sorte de fenotipo) que darán lugar a escenas bastante diferentes a aquelas.
A mole pétrea que pisamos formouse hai centos de millóns de anos. O magma, a rocha fundida provinte do límite inferior da codia, ascendeu cara a unha rexión baixo o continente onde comezou a arrefriar e solidificarse. Posteriormente, a erosión e os procesos tectónicos foron quen de emerxer o conxunto. Ata aquí a historia resumida dun nacemento común, pero pronto os riscos que estamos a ver vannos contando as particularidades do escenario.

As micas, brancas e negras, acomódanse en agrupacións diseminadas aleatoriamente formando pencas amorfas de escala centimétrica. Estas descontinuidades na composición, xunto coas fracturas que acoitelan o macizo, xeran zonas de debilidade aproveitadas polos axentes erosivos para tallar as rochas. Pola contra, a área máis resistente aos meteoros resulta ser un enxame de filóns que destacan como trazos de xiz.

Estas veas mineralizadas, inxectadas no granito, foron protagonistas dunha historia recente en que «se abriu a terra e ofreceu a súa veta negra entre a brancura do seixo e que foi un bálsamo para esconxurar a miseria dos arriscados»; así describía o poeta Avilés de Taramancos os tempos do volframio, segundo cita Carmen Blanco na súa obra sobre as minas de Varilongo.

De volta na casa, fáltame tempo para acudir ao andel e rescatar o volume de Verne. Certo é que, na mente do escritor, o profesor Lidenbrock viaxou ao centro da Terra. Nós, combinando imaxinación con rigor científico, vimos de auscultar o corazón dunha antiga cordilleira xurdida da colisión de mundos perdidos. Menos dá unha pedra?

4 comentarios en “Paisaxes graníticas

  1. Muy completa y altamente esclarecedora tu respuesta a Magdalena. También magnífico el artículo –una clara exposición petrológica de la zona- aunque me haya costado un poco leerlo por desconocimiento del significado de algunas “verbas” nuevas, para mí al menos. Otras me han traído recuerdos de mi niñez (“codia”, por ejemplo, refiriéndote a la corteza terrestre).

    Desconocía las propiedades negativas para la salud de los componentes de algunas de las rocas de esa zona. Fue Magdalena la que me puso al tanto, pero sólo de oídas, sin ningún dato científico que lo avalase: la frecuencia de personas afectadas de cáncer en ese sector parece ser la razón de que se comenzase a especular.

    Un geólogo no podía dejar de hacer alusión a Julio Verne ¿Sabíais que el libro póstumo –inacabado- de este vidente resulta sobrecogedor? Viene a expresar algo así como que si el ser humano no regresase poco menos que a la época de las cavernas, el desastre que se produciría sería monumental. El autor del artículo se preguntaba si a Julio Verne le sobrevino la muerte antes de acabar el libro o lo que ocurrió fue que intuyó un futuro tan negro para la humanidad que no se atrevió a terminarlo.

    Quiero inclinarme por la primera hipótesis.

    Saudiña e bo verán.

  2. Buenas noches José, gracias a ti por contestar a mi pregunta con tan extensa respuesta, y gracias también por la presteza con que lo has hecho. Buscaré la página que me indicas ( USC ) y tomaré nota .
    Aprendo mucho de todos vosotros. Graciñas.
    Saludos palmeiráns muy agradecidos.

  3. Hola, buenos días José:
    Son las diez de la mañana y acabo de leer tu interesante artículo. Ante todo, decirte que después de leer Viaje al centro de la tierra, tuve la necesidad de hacerme con toda la colección de Julio Verne, al que de vez en cuando releo.
    A mí, también me encantan las piedras y tengo una querencia muy particular por los puentes.
    Por lo que veo, si no lo he entendido mal, eres geólogo, y me gustaría que me contestases ( si es posible ) a lo siguiente: – Dicen que el radón, que creo lo contiene la piedra que todos ponemos en las encimeras de la cocina, el llamado rosa porriño, es el causante de que aquí en la zona del Barbanza, se prolifere de manera alarmante el carcinoma. Es posible que sea un bulo pero, lo que sí, es verdad, es que aquí se multiplican los casos comparándolos con otros lugares de la península e incluso con cualquier otra parte de Galicia. De ser así, ¿ por qué no se toman medidas ?
    Me encantaría que me dijeras algo al respecto. Gracias.
    Saludos palmeiráns.

    1. Ola Magdalena, moitas grazas polas túas palabras. Estás no certo, son xeólogo e dende logo o tema do radón é a súa relación co cancro non é ningún bulo. O radón é un gas radioactivo que se produce pola descomposición do uranio. Na nosa terra, as rochas graníticas son as máis abundantes, e este tipo de rochas están compostas por minerais que conteñen uranio. Por outra banda, distintas investigacións médicas apuntan a que a exposición a niveles elevados deste gas incrementa a posibilidade de desenvolver un cancer de pulmón. De feito, tense publicado que o radón sería a segunda causa do cancro de pulmón e a primeira en pesoas non fumadoras. O problema da alta concentración de radón nas vivendas é que se deseñaron sótanos sen unha ventilación adecuada, polo que o gas vaise acumulando nestes espazos. É moi importante a ventilación destes lugares, máis aínda daquelas vivendas construídas sobre o substrato granítico. Preguntas que por que non se fai nada…bueno, parece que por fin, despois de moitos anos de poñer o acento na necesidade de tomar medidas contra este risco natural, a Administración introducirá medidas preventivas no Código Técnico da Edificación. É un paso, pero como todo o relacionado cos riscos naturais a súa efectividade debería estar íntimamente ligada co sentido común. A que non se nos ocurriría construír ou desenvolver proxectos en zonas de sismicidade alta (Lorca, proxecto Castor) sen medidas para evitar danos por derrumbe de edificacións?; a que evitamos construír en zonas inundables (Bertamiráns, Cee, ramblas no Levante español)?…non sigo porque o sarcasmo déixame un mal sabor de boca. Por outra banda, non debes preocuparte polo teu mesado de granito, pensa que moitos dos elementos que temos ao redor ou mesmo que comemos (penso no plátano que teño na mochila para a merenda) emiten partículas radioactivas, máis debemos de recibir doses altas para que sexan daniñas. Se queres información de primeira man, busca na páxina da Universidade de Santiago (USC) o enlace ao Laboratorio de Radón de Galicia que dirixe un profesor de mediciña preventiva. As súas investigacións e mapas de risco son do máis esclarecedor. Grazas de novo por lerme, Magdalena. Bicos dende Noia.

Deixa una resposta a carmen gonzález Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *