Talking Heads no meu corazón

talking1Gonzalo Trasbach. Tirando do limo do recordo, ese fío que aínda me mantén vivo logo de tantas travesías, evoco o 1977, un ano moi importante na miña vida. Xa dixen nunha ocasión, que foi cando o Ulysses entrou na miña casa. Naquel tempo, se non me trabuco, bateu na miña xanela a Chuvia oblicua de Fernando Pessoa. Pero tamén atopei unha divertida vía de escape no cinema coa chegada das novas películas de ciencia ficción: La guerra de las Galaxias (George Lucas) e Encuentros en la tercera fase (Steven Spielberg). Pero sobre todo, o meu espírito encontrou naqueles días de zozobra un formidable estímulo enerxético no eido musical, cando o 16 de setembro apareceu nas tendas un disco que me deu a coñecer o amigo José Joaquín Cortés Iglesias: “Talking 77”. Foi o mesmo Cortés quen me guiou cara a outros traballos inesquecibles daquelas datas.

 Si. Pois ese é tamén o ano que chega ata as miñas mans “Suicide”, o disco homónimo do dúo que formaban Alan Vega e Martin Rev, un debut impresionante, unha boa síntese de art-rock e outras cousas; algo así coma uns New York Dolls esfarrapados, coma reacción diante do declive do glam. E coma non lembrar o “Marquee Moon” de Television, co seu líder Tom Verlaine, unha figura destacada no marco da escena sonora neoiorquina onde non só non se castigaba a diferenza, senón que se cultivaba e se premiaba? E tamén resultou decisiva a irrupción de Devo. O grupo de Ohio publicou nese 1977 un sinxelo con dúas cancións fantásticas: Mongoloid e unha atronadora e descacharrante versión de I Can Get No Satisfaction dos Rolling. Mais a banda da Costa Oeste non editaría o seu primeiro álbum ata 1978, xa con Brian Eno na produción. Dese ano é así mesmo “Never Mind The Bollocks” dos Sex Pistols. Apareceu o 4 de novembro. Entón o punk británico xa era pura plastilina nas avariciosas mans do mercado.

Mais volvamos ao principio. A Talking Heads. A formación de David Byrne (cantante e guitarra), Jerry Harrison (guitarrista), ex Modern Lovers con Jonathan Richman; Chris Franz (batería) e Tina Waymouth (baixo) –os dous fundaron máis tarde Tom Tom Club- na Nova York da non wave formaban parte desa constelación de músicos (Patti Smith, The Modern Lovers, Suicide, Televisión…) que tiñan un denominador común: dar carpetazo ao pasado e comezar de cero.

talking2En 1975 deron un concerto coma teloneiros  dos Ramones no CBGB neoiorquino. “Talking 77”, o seu primeiro álbum, saíu á rúa o 16 de setembro, sen LoveBuilding On Fire, temas que conformaron o seu sinxelo de debut. O disco non arrasou na súa estrea, pero tivo unha boa acollida por parte da crítica. Co paso do tempo converteuse nun LP de culto. Contén dez moi boas cancións. E conta cun bombazo inigualable: Psycho Killer, o primeiro hit do grupo. Falamos dunha desas pezas para a posteridade, que foi versionada dende entón máis dun cento de veces, e conta cunha liña de baixo das máis fermosas da historia do rock, a cargo dunha maxistral Tina Waymouth. Medio en inglés e medio en francés, a letra relata os problemas mentais que perturban a un asasino en serie. A interpretación en directo de Byrne resultaba inquietante e turbadora.

Con este disco deuse a coñecer en Europa unha banda que aportaba á paraxe musical un estraño e minimalista son: unha curiosa mestura de pop, punk e rock experimental que anos máis tarde serviu de inspiración a outras moitas agrupacións. A súa irrupción na escena foi unha bocana de aire fresco, sobre todo na británica, onde se vivía a efervescencia do punk e o declive do glam e das vellas vacas sagradas do blues e do rock, sinfónico ou non, cuxos xestos se tiñan convertido en repetitivos e tópicos ata a saciedade. Á parte do ritmo frenético que o dominaba, unha das cousas do disco que máis espertou a miña atención foi que, fronte á paisaxe sonora reinante cunha xa vella retórica falocrática de súper machos (heteros ou gais e mesmo outros tipos) compulsivos, era o desafío que supoña a temática das letras.

Aquí cantábase aos edificios nos que residía a xente, ás oficinas e aos compañeiros de traballo. Falábase dos amigos, da aparición inesperada do amor (Who is it?), sobre a comida e sobre os libros que se lían. Mesmo se chamaba a deixar de lado a política, a non preocuparse polo goberno. A esquecer o plano histórico e social para atender a existencia, a vida cotiá, as cousas que temos entre as maos día a día. Isto que era? Unha testemuña da súa banalidade ou de que eran uns frouxos, coma sempre me lembra un vello amigo?

talking3En oito anos de carreira, os Talking Heads produciron once albumes. Catro son fundamentais, xunto cun quinto dobre que recolle a xira mundial dunha banda na que brilla o guitarrista Adrian Belew. A estes pódesellessumar un que firmaron conxuntamente Byrne e Eno: “My Life In The Bush Of Ghosts” (1981). Só con estes chegou para convertelos nunha banda de culto durante unha época. No segundo álbum, “More Songs About Buildings And Food”, que se publicou o 7 de xullo do 1978, a temática das cancións segue sendo a mesma: comida, amizade, edificios, amor, como ese que se reivindica na apertura deste segundo traballo: Thank You for Sending Me an Angel. Mais é aquí onde empeza a notarse a alongada sombra de Brian Eno, que xa andaba dirixindo a traxectoria dos Devo na Costa Oeste.

O ADN dislocado do británico propiciou unha mutación electrónica nas súas cancións. Isto quedou de manifesto no seu terceiro álbum, “Fear Of Music” (1979), que arranca con I Zimbra, unha fantasía de percusión, superposición e contrapuntos de voces e guitarras estridentes, o cal se fará aínda máis evidente no traballo de colaboración entre Byrne e Eno, “My Life In the Bush Of Ghosts” (1981). Esta textura acadará o seu cumio en “Remain In Light” (1980), onde destaca, entre outras, Once In A Lifetime. Lémbranse daquel?:  <e talvez te atopes nunha casa preciosa, cunha esposa preciosa e talvez te preguntes: pero como cheguei aquí?>; <Deixando pasar os días>, responde, impasible, o coro.

Corenta anos despois, teño a impresión de que case ninguén se lembra deles, mais no meu corazón sempre haberá un sitio para os cabezas faladoras. Grazas por enviarme un anxo.

3 comentarios en “Talking Heads no meu corazón

  1. Querido Gonzalo; yo soy de la opinión de que regalar un libro además de un obsequio, es un elogio.
    Gracias por tus palabras.
    Un besazo desde Palmeira

  2. Buenos días, querido Gonzalo; tirando de ese hilo del que todavía nos mantiene vivos ( imitando tu magnífico comienzo ) te diré que unos meses más tarde, a principio del 78 también entró en mi casa un adorable y pequeñito bebé de apenas tres kilos. Mi queridísimo hijo Juan, que traía como compañía bajo el brazo ( en lugar de un pan ) ese hermoso libro del irlandés James Joyce. Devuelta de la clínica, al llegar a casa, el portador del bebé ( que conocía mi preferencia por el libro ) dejó en la cunita a ambos.
    No puedo comparar la magnitud de un regalo y el otro porque no la tiene, pero el Ulises también fue un obsequio muy valorado. Lo presté y desapareció. Los libros tienen su orgullo. Cuando se prestan, no vuelven nunca. Ahora he vuelto a comprarlo en la feria de Padrón.
    Quiero darte las gracias por ese extenso y trabajado artículo del cual me encantaría saber un poquito de lo que tú tanto sabes como es la música para poder contestarte como te mereces, pero en ese aspecto ( como en tantos otros ) soy muy torpe. No obstante ya sabes que disfruto leyéndote.
    Un besazo desde Palmeira.

    1. Saludos querida Magdalena. Tiña feito un escrito que, non sei que fixen, que me desapareceu da pantalla. Si aparece por algún lado, rogo que o borren. Que bonita esa historia, porque un é dos que lle da moita importancia as datas e as coincidencias. Neste texto o deixo claro. Pero esa historia, confirma que tes contigo unha persoa sensible e que te quere: un fillo e un libro. Que grande idea. Algún día falarei contigo deses fillos que nos quixemos e nunca tivemos. Nesto estivo aquel Segundo de Andrés Vidal o que lembrei nun artigo na Voz de Galicia. Bicos e apertas.

Deixa una resposta a gonzalo trasbach paz Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *