Froitos tardíos: “Forever Changes”, de Love

Love_-_forever_changesGonzalo Trasbach. A colleita musical do ano de graza de 1967 deixounos froitos moi saborosos na estación de outono. Sen dúbida un deles é “Forever Changes” de Love, un dos mellores discos daquela década, aínda que, diante da esmagadora avalancha que xeraron os albumes dos Beatles, Rolling, Hendrix, Pink Floyd e mesmo o “The Who Sell Out”, pasou case desapercibido. Pero co xirar dos anos gañou en importancia e recoñecemento, o que ao mesmo tempo nos permitiu descubrir que tamén había vida sonora máis aló dos grandes da historia.

As crónicas teñen contado que o grupo Love acadou un posto no altar maior do rock californiano grazas, paradoxos da vida, á inquebrantable devoción dos seus fans británicos. Debido a esta fidelidade, o quinteto da Costa Oeste ou os restos que del quedaban, recibiu a principios deste século un recoñecemento xeral, o cal lle permitiu tocar integro o seu marabilloso “Forever Changes” en concertos e en festivais. A lenda relata que Arthur Lee, un dos líderes da banda, foi o principal culpable do naufraxio da fabulosa nave californiana. Pero da desgraciada historia de Lee falaremos máis adiante. Antes imos centrarnos nesa eterna páxina musical que nos legaron.

O día 1 do mes de defuntos ou santos, tanto ten, fai agora 50 anos, Arthur Lee e o seus compañeiros, xunguindo folk, rock, música fronteiriza e unhas grande doses de espiritualidade, levantaron un ideario sónico debedor do sol californiano, mais nas antípodas do asfixiante dominio do hippysmo de entón, que tiña o seu epicentro en San Francisco, berce do rancio power flower. “Forever Changes” é a obra cumio dunha traxectoria curta, pero que sempre discorreu entre os elevados outeiros da excelencia.

love-forever-changes-back-cover-1200-768x407-460x244Editado o mesmo ano que o debut The Doors, o álbum, terceiro da súa discografía, de Love captou toda a maxia dunha época única e singular, onde o talento de Lee, en perfecta combinación co outro xenio do grupo, o moi talentoso Bryan MacLean, foi vertido nunhas cancións dunha inigualable e incomparable beleza, xoias dunha exquisita ourivaría sonora, adornadas con esquirlas luminosas de guitarras furiosas, ou cegadoras visións epocais e sombríos pensamentos.

No tocante á amarga historia de Arthur Lee (Memphis, 7 de marzo de 1945), cantante e guitarrista do quinteto californiano, tense dito de todo. Dende sinalalo coma principal responsable de que a carreira de Love acabase nun morrocotudo fracaso. Neste eido, afondan as memorias dun dos seus baterías, Michael Stuart-Ware (Entre bastidores. Metropolitan), até responsabilizalo de romper a formación clásica con Bryan MacLean, a relación co selo Elektra Records, o reparto da pasta, e de tamén frustrar a posibilidade de desenvolver unha traxectoria  estable e continuada. Díxose que o sacrificou todo para compracer un narcisismo monstruoso. Non sabemos se isto é ou non certo.

517obtiquqL._SX466_O 3 de agosto do 2006, Arthur Lee faleceu logo de ceder fronte a unha feroz leucemia. Dous anos antes, no 2004, visitou España e viviu unha das máis amargas experiencias da súa vida. Veu tocar ao festival de Benicassim. Unha xornada antes da súa actuación, Lee recibiu a noticia da morte de Rick James, un dos pais do funk e amigo íntimo, un rapaz problemático coma el (xunguíaos unhas cantas visitas ao cárcere e denuncias varias). Logo de coñecer a súa defunción, Lee encharcouse en whisky. Trepou ao escenario dando tombos, e cando intentou coller o micrófono só foi quen de balbucir palabras sen sentido. Non cantou nin unha soa canción. Só se escoitaron apupos e desprezos. Deste xeito, un xenio capaz de compor o monumental “Forever Changes”, esnaquizaba a súa dignidade diante de xente sen compaixón, incapaz de comprender a súa desolación. Mítico e imprescindible disco.

2 comentarios en “Froitos tardíos: “Forever Changes”, de Love

  1. Querido Gonzalo; después de unos días de ausencia forzosa, me incorporo con mucho gusto nuevamente a vuestro fantástico café. Ya me apetecía tomar esas tacitas que he dejado atrás pero que ahora he degustado en comunión espiritual con Fidel, Antón, Román, Pastor y contigo. Necesitaba ese estimulante para restablecer la energía física que estos días me abandonó.
    Tu artículo, y los de todos los mencionados y sin olvidarme de Javier Peteiro,
    muy buenos como siempre.
    Besiños palmeiráns para todos.

Deixa una resposta a gonzalo trasbach paz Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *