Kedougou

4Xerardo AgraFoxo. Ao cruzarmos o río Gambia, que baixaba manso dende as montañas de Fouta Djallón, enxergamos unha fileira de mulleres. Camiñaban cos barreños ateigados de roupa na cabeza e nenos atados coma un fardelo nas costas. As ribeiras do río eran baixas e estaban ateigadas de vexetación arbórea. A auga levaba unha cor terrosa e nos pequenos remansos que se abrían debaixo dunha pontella, elas lavaban as prendas refregándoas contra unhas rochas planas e escuras. Sentín un relouco no peito cando me decatei de que aquel río, que estudara cando mozo nos libros de xeografía e dexergara nos mapas de África, existía como unha realidade física evidente.

Durante séculos o río Gambia foi o vieiro dos mercadores e os arrieiros para viaxar entre a suave liña da costa e o interior máis retorcido, unha especie de Ruta da Seda que logo, polas rivalidades políticas entre as potencias europeas, deu lugar a un país que leva o seu nome. Unha nación que sufría unha das ditaduras máis lonxevas deste continente. Cando deixamos atrás a aldea de Tomboronkoto, a estrada recuperou o asfalto e a circulación resultou máis doada. Despois de seis horas chegamos á terminal de Kédougou, que semellaba un campamento de refuxiados.

2 comentarios en “Kedougou

  1. Apreciado A(g)fraFoxo. Agás que sabemos que estás a falar doutro continente, a min o que aquí relatas, en boa parte, lémbrame moitas estampas da miña infancia, pero tamén da nosa terra non hai tanto tempo. Aínda que esto, depende cómo se mire e mida. Están moi ben, pero que moi ben, estos teus relatos. Saúdos cordiais.

Deixa una resposta a Gonzalo Trasbach Paz Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *