Celebrando Barbantia

Foto: La Voz de Galicia
Foto: La Voz de Galicia

Pilar Sampedro. Hai certo tempo, a Asociación cultural Barbantia entregou os seus premios anuais, que neste caso recaeron en Aurora Marco, Manuel del Río e Ámbar, nun acto no que ademais se presentou o Anuario de Estudos do Barbanza. Un sábado pola mañá, no que tivemos ocasión de recoñecer o bo facer desta entidade e, tamén, o magnífico enclave da casa da cultura de Outes.

Unha celebración da cultura local que transcende e se fai universal, porque está enraizada no propio, porque bebe das escorrentías do río e camiña a serra e a península que lle dan nome.

Nesta xornada de celebración, hei de confesar que me chamou poderosamente a atención un feito. Despois de facer entrega dos premios Barbantia (un sereo da factoría Sargadelos) por parte da directiva, houbo un premio para Barbantia que lle entregou Che Tembra: un sereo construído con materiais de refugallo.

Che Tembra ten algo de Elvis Karlsson, o famoso personaxe creado por María Gripe. Elvis plantaba flores coas que agasallaba a xente que lle facía ben: ao garda que un día lle axudara, plantáralle un pequeno xardín no lugar onde agora dirixía o tráfico … O neno Elvis gustaba das plantas e o seu coidado, tal como lle ensinara seu avó. Che é escultor e ferreiro, ferreiro e escultor, traballa coa chatarra, colle os restos do refugallo e con eles fai obras que lle serven para demostrar o seu aprecio por aqueles que defenden a lingua. Nesta ocasión fabricoulles un sereo en relevo para Barbantia. Antes, fixera o mesmo co grupo de teatro Airiños de Rianxo, aos que lles forxou unha Pimpinela, segundo o debuxo de Castelao.

La Voz de Galicia
Foto: La Voz de Galicia

Así é Che Tembra! Leva unha boina e nela un pin coa bandeira galega. O seu pequeno corpo carga coa dignidade dun país; asume a responsabilidade dunha misión; el fai o que está na súa man, agasallando os que recoñece como bos e xenerosos, segundo as palabras do himno.

Pequenos homes, pequenas mulleres, que portan a honra dun pobo. Así se entende o país: uns autodestruíndoo e uns poucos facendo enxertos co que queda de valor, recollendo o reboutallo para construír algo, para crear unha obra. Cada día recomezando o labor, cada día no empeño, sen fraquear, sen abandonar por difícil que sexa, por inútil que pareza. Aínda que quedase el só, seguiría traballando, tal como fixeron os emigrantes que –desde lonxe– montaron escolas e crearon bandeira, himno e Real Academia Galega, cando se foran para cubrir as súas propias necesidades fóra dunha terra á que nada debían agás o seu agradecemento totalmente infundado.

Emigrantes! Quen o diría?

Che Tembra continúa, en Taragoña (“Tarancoña”, como el gusta de dicir) a facer da chatarra agradecemento, porque alguén ten que velar na noite, alguén ten que espertar o día.

2 comentarios en “Celebrando Barbantia

  1. Qué bo que existan persoas así coma Che Tembra, agasallando así os vos e xenerosos. Pois desde este valeroso chan da nosa costa verdescente, os que recibiron honras da sua man, non o darán a esquecemento, e cumprido fin terá en ese prácido luar de Tarancoña.
    Unha aperta, Pilar.

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *