Fidel Vidal. Que un golpe de dados xamais anule a continxencia do ser e que, con todo, se deba intentalo, é simplemente a proba dunha crenza vivida, do triunfo dun absoluto paradoxal: a fatalidade é un xogo supremo. En cada home, dixo Mallarmé, hai un segredo que moitos morren sen coñecer. “El coñeceu o seu: unha Vocación, e identificouno coa expresión dos matices e do preciso que parece escuro: a poesía, única fonte”. (F. Gorbea, Limiar, Stéphane Mallarmé, Poesía, 1982). Por riba desta consideración estou por asegurar que Mallarmé morreu sen coñecer o seu verdadeiro segredo. Por que usou pseudónimos femininos e mudou de nome?
III. Un acto de demencia.
“O 30 de marzo de 1897, dándome as probas corrixidas do texto que debía publicar Cosmópolis, díxome cun admirable sorriso, ornamento do máis puro orgullo inspirado a un home polo seu sentimento do universo: “¿Non atopa vostede que é un acto de demencia?” (P. Valéry, Variété II). A demencia afásica, con lagoas da fala, que nos traslada ao comezo da fala. “A Destrución foi a miña Beatriz”. Se na demencia a estrutura da linguaxe se perde debido a secas localizadas, no desenvolvemento do neno, a fala non se aprende mediante mimese senón que se adquire. Adquírese a estrutura da linguaxe. De aí que os nenos, ademais de regularizaren os verbos irregulares, cando din, por exemplo: “mamá, auga”, en realidade están a dicir: “mamá, teño sede, quero auga”, ou, ollando o mar: “mamá, mira canta auga”. Entre unha e outra palabra non hai un oco absurdo senón unha intención e mesmo unha elección no dicir.
O golpe, ou a copa (un coup), derivado de farmakon (nun principio vítima humana en sacrificio como remedio ante os deuses) deses golpes e máis golpes que fan sentir a Platón presa da vertixe: “…pharmakon quere dicir golpe… ‘de maneira que pharmakon significaría: aquilo que ten que ver cun golpe demoníaco ou que é empregado como remedio curador contra dito golpe’… un golpe de forza… un golpe de graza… un golpe de man… pero tamén un golpe van… un golpe na auga (…) e un golpe de sorte … o golpe de efecto… o golpe de escritura… o golpe de dados… o golpe dobre” (J. Derrida, A diseminación, 1997, p. 259). E mesmo un golpe de desgraza.
A poesía para Mallarmé, pretende ser precisamente o único lugar no que o absoluto, o baleiro e a linguaxe poden encontrarse. Fontes para un poema aberto ao infinito, onde a linguaxe se identifica co absoluto, “de ser ela o absoluto, négase a si mesma cada vez que se realiza nun poema (ningún acto, inclusive un acto puro e hipotético: sen autor, tempo nin lugar, abolirá o azar) -agás se o poema é simultaneamente crítica desa tentativa” (Octavio Paz, O arco e a lira, 1972).
Mallarmé non procede mediante conceptos senón infundindo o enigma nos obxectos. Desde el sabemos que poeta é aquel, non o que describe o que ve, senón que ve no mundo o enigmático que os demais non ven por “estaren” no mundo. Por iso crea lírica, é dicir, canto do misterioso, aquel que camiña polo canto dunha navalla. Semellante lírica xa no ten nada que ver coa poesía do sentimento, da experiencia ou a do fenómeno. “Estrañamente, pero cunha música que se impón, esta lírica é o xogo das tensións abstractas da linguaxe, onde alcanza unha satisfacción de dominio parecida á que se encontra nos encadeamentos de fórmulas matemáticas. O encadeamento, xa non é desde a palabra ao significado que pretende designar, senón do xogo das palabras entre si mesmas” (G. Szereszewski, O Inconsciente e a estética ou a química das sílabas, 2001).