Muros, o pasado debuxado na paisaxe

BD21C3F3_214656
A vila ten un eixo viario central cortado por unha chea de calellas

Pedro García Vidal. No plano, Muros semella un peixe, coa cabeza formada pola antiga vila amurallada e unha estrutura ósea, singularizada nun eixo viario central, cortado por unha chea de pequenas calellas que ascenden dende o mar ata a montaña, bautizadas con nomes peculiares, que se corresponde co que sería o antigo arrabalde mariñeiro da Ribeira. Pero, para comprender a xeografía urbana de Muros, hai que prescindir de planos e subir ao alto do campanario da antiga Colexiata de Santa María, que domina o horizonte. Dende o alto, toda a historia de Muros semella sinxela, como se se explicase por si mesma.

Miramos o espazo arredor da igrexa e comprobamos que a forma deste Muros é curiosamente compacta e sensata. Un casarío apertado descende en dirección ao mar tranquilo e fermoso. Na traseira da igrexa, unha grande área desocupada e baleira forma hortas e lugares libres de edificación. Todo o conxunto aparece dominado pola pegada dunha muralla pétrea que o envolvía todo no pasado. Nalgúns tramos, o muro faise aínda hoxe visible. Mirando máis alá da praza do Concello -o elo de unión dos dous espazos senlleiros de Muros- o barrio da Pescadería alonga a figura da vila a través do estreito corredor entre o mar e a montaña.

Arrabalde da Ribeira

O poder alcanzado polo antigo arrabalde da Ribeira maniféstase no protagonismo deste Muros lonxitudinal, fluído e vaporoso, fronte ao núcleo murado máis compacto e carnoso. Un leve declive entre os edificios, unha especie de brecha que cruza o barrio polo seu centro, partíndoo oportunamente pola metade, sinala a rúa principal -o antigo Camiño Real-, que semella un río limitado por edificacións. Xa a nivel de rúa, sorprende ao paseante de Muros a súa harmonía, cunha fermosa uniformidade construtora dos seus edificios de soportal e galería que prolongan o seu estilo ao longo da fachada marítima.

Quen se interna no seu casco histórico accede ao mundo das antigas vilas pesqueiras galegas, de barrios de pescadores, coa súa arquitectura asoportalada en granito, as súas casas terreas, do pincho, do remo, con corredor, con patín ou galería, as mansións señoriais dos señores da vila, os edificios das institucións de caridade, e os contedores relixiosos que levantaron os poderosos gremios do mar.

Pero, ademais, Muros, a diferenza doutras vilas históricas, segue sendo un espazo vivo que convén descubrir máis alá das pedras ilustres que singularizan moitas das súas construcións.

Esta vila de Muros, ao igual que todas aquelas que souberon conservar o seu patrimonio construído, leva o pasado debuxado na paisaxe. Coma nun libro cheo de palabras, a paisaxe construída atópase poboada dunha chea de símbolos que hai que aprender a ler para chegar a un mellor e máis completo entendemento da súa rica historia.

O diálogo así entre os elementos construídos da vila e o espectador farase máis transparente e fluído, e o goce do espazo urbano adquirirá unha dimensión descoñecida.

3 comentarios en “Muros, o pasado debuxado na paisaxe

  1. Otro para ti, Pedro. Y además pedirte disculpas por mi fatal ortografía, porque a Monte Louro si te has fijado le he rebajado altura. Ya sé que no es un ocho mil pero, le he calificado de colina en lugar de clasificarlo como montaña. Puse Montelouro todo junto.
    Besiños palmeiráns.

  2. Buenas tardes, Pedro; como son tantos los comentarios que meto en este blog me da un poco de rubor al pensar que ya debéis estar hasta el gorro de Magdalena pero, has tocado una de mis debilidades: Muros. Yo tengo que ir como mínimo dos o tres veces cada verano a respirar ese aire mirando a Montelouro y meterme en el barco turístico para hacer esa pequeña ruta hasta Portosín. Me imagino que a lo que tú le llamas el antiguo arrabal son aquellas estrechas y bonitas calles que recorro cada verano por Corpus para recrearme con las magníficas alfombras florales que llegan desde la iglesia principal a la capilla. Un día, sorprendida de la gran laboriosidad de las mismas, me contó una señora, que una madre y una hija se pasaban medio año haciendo las plantillas para que nunca se repitieran los mismos detalles. Es algo digno de ver. Quiero resaltar también el Molino de Mareas. Recuerdo la primera vez que lo vi estaba la marea alta y daba la impresión que flotaba el edificio. Cuando visito Muros siempre paso por él. No he tenido la suerte de subir al campanario de la Colegiata de Santa María pero sí, he estado dentro de las iglesias. Recomiendo también su visita.
    Ojalá que para el próximo verano sepa leer esos símbolos para llegar a ese completo entendimiento de la rica historia Muradana.
    Cariñosos saludos palmeiráns.

    1. Ao igual que para ti, Magdalena, Muros é tamén unha das miñas debilidades. Penso ademais, que se trata dunha vila medieval aínda bastante descoñecida, de aí a miña teima en poñela en valor. Pasear de vagar polas rúas interiores do antigo arrabalde da Peixería é adentrarse nun íntimo e acolledor espazo construído a escala humana. Un goce para os sentidos.
      Un cordial saúdo

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *