Marcas de orgullo

Matalobos
Matalobos

Francisco Ant. Vidal Blanco. Ese sentimento de orgullo por algo ben feito, acadado ou posuído que nos diferenza dos demais é o que nos leva a estampar a nosa sinatura, a poñer unha marca para deixar constancia do logro. Meu bisavó asinou un moble que gardamos na casa paterna como algo único. Algúns artistas foron máis lonxe, chegando a retratarse dentro da obra, desde o Mestre Mateo (se é certo que é el e non o monarca que lle pagou) ó pé do Pórtico da Gloria, Velázquez e familia no portal de Belén ou o Greco e o seu fillo no enterro do conde de Orgaz. Os quintos de todos os reemprazos deixaron o seu nome nos muros do cuartel e os peregrinos a Compostela que entraban pola Coruña estampaban a súa marca nunha laxe preto da torre de Hércules. Tamén os presos teñen por costume tatuar nos seus corpos un signo identitario do seu paso pola cadea, como as mafias da trata de mulleres marcan ás súas secuestradas, igual que os vaqueiros marcan as reses e os pastores as ovellas.

Marcamos o que posuímos e o que facemos, por amor, por orgullo, por logro ou por contabilización, e igual ca os cadros, o asinado cobra valor sobre o anónimo. Esa é a outra función da sinatura. Os canteiros poñían a súa marca para saber cantas pedras traballou cada grupo e as sen marcar non se pagaban. O amigo Xulio, orgulloso da marmelada de limóns da casa que fixo, mandou imprimir unhas etiquetas para poñerllas ós frascos con que nos agasallou estes días, Melanie gravou por amor o nome de Antonio no brazo e a rapaza que nos serve as cervexas estampou o do seu neno de tres meses sobre a cicatriz da cesárea.

firma 3Pero non todas as persoas poden marcar o seu traballo ou as súas cousas para sempre. Estou pensando nos médicos, de quen se valora máis o seu labor se non deixan marca. Ou iso era o que eu cría ata que vin na prensa a noticia dun cirurxián inglés, quen tras facer malabarismos co bisturí, tatuou no fígado que transplantou as súas iniciais, para deixar constancia do seu traballo. Non lle bastaba o historial clínico do doente, deixoulle a firma ben estampada. E aí xurde o problema ético.

O doutor, Simon Bramhall, debeu pensar que aquilo que acababa de facer era algo único e merecía un recoñecemento, e como unha vez posto o novo fígado no seu sitio e cosida a ferida todo quedaba como se nada, aproveitando que tiña nas mans un láser de argon, que se usa para cauterizar e evitar hemorraxias, xa aproveitou para rotular o seu SB sobre o órgano, como un Picasso ó pé dun par de pinceladas. E que saibamos (porque non van agora a abrir a todos os operados pola súa man para saber cantos asinou) xa se ten noticia de dous doentes rubricados por el, desde o ano trece en que tivo tan narcisista idea.

A verdade é que ese tipo de tatuaxes non causa danos físicos nin limita as funcións do órgano transplantado, pero é que tampouco quere ninguén levar a marca de ningún artista da medicina no seu corpo por moi agochada que esta vaia entre as vísceras. Imaxinade ó pai ou nai orgullosos do seu fillo que non contentos con deixarlle o apelido nos papeis do rexistro civil, quixesen asinar sobre a pel do crío aquilo de «Made by Pepiño & Pepiña». Non creo que ó crío lle gustase moito.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *