Alén dos Barqueiros

anxomuin-os-ulin_1Oliveira Casal. Ás voltas anda no prelo a editorial cántabra Fanes coa primeira novela de Anxo Muíños. Hai un par de anos lemos con deleite literario e ideolóxico “Ulin”, poemario iniciático do autor de Taragoña en edición bilingüe. O personaxe protagonista, Ingemar Westterstrom, non dubida en iniciar unha singradura espiritual e física, de coñecemento e aventura, que o vai vir traendo da Grande Canle do río Gota ás beiras do Teixo. Só tiña saído de Suecia para achegarse ao encontro cos xitanos do mar, os mariñeiros galegos. Aquela primeira transgresión fronteiriza atendera unicamente á súa tenacidade en perfeccionar o sotaque da lusofonía. Outras motivacións obrígano agora. Corre o outono de 1939. A aviación alemá bombardeou xa Guernica.

Ingemar, o escandinavo errante, comeza unha viaxe xeográfica contraria á do autor. Anxo Muíños sae do Porto de Taragoña decidido a dar forma e contido a un traballo de campo que nunha primeira intención abranguería os barqueiros do Miño e do Sil. A empresa irá medrando en afán e extensión. Na súa skepparkista atesoura xa anos de vida mariña e mariñeira. Tamén estudos de náutica. E as lecturas, claro: sempre intentando a fuxida do cárcere idealista, da recorrente racionalización occidental. No caixón da bitácora, Jung. Unha vida, moitas vidas. Zume de ausencias. O viaxeiro é sempre un fuxitivo, un inconformista. Anxo comeza as pescudas, as entrevistas.

Simbolismo mitolóxico da Grande Canle de Gotemburgo. Revisión transformadora dos recordos. Anxo patroneando o barco que atravesa a ría con Emilio Cao, Uxío Novoneyra e Pascual Abalo a bordo. Unha viaxe sentimental polo mar. Amizade. Arousa é Gotemburgo, que é tamén a Godenholm de Jünguer. A quilla arrampla co Leviatán hobbesiano e fai dos tripulantes bos salvaxes que declaman lances gavieros e convocan ghaçafellos. Os dedos de Emilio tanguen Fonte do Araño na arpa. Todo é simplemente lembranza na construción do eu, da identidade. Arqueoloxía autodidacta do saber. Se a peneira non vira o consultante non ten o ar. Solpor. Unha lanchiña rianxeira engaiolada nun arrecife cósmico de vangarda rianxeira.

Un comentario en “Alén dos Barqueiros

  1. -non podo dicir outra cousa que cataloghar ista novela de “voces populares extraordinariamente catalogadas no tempo dos tempos”…escomencei a ler e non puiden parar de facelo…Desexando o seguinte libro que de seguro estará trabalhando nél…parabéns ao autor Anxo Muiños.”””EXTRAORDINARIO”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *