Exposicións no Barbanza, Jorge Agra, herdeiro do pop art

JorgeAgraPilar Sampedro. Jorge Agra é fillo da chamada arte pop ou popular, daquela que nace dun mundo pragado de marcas nos produtos, en vallas e carteis, na publicidade e na propaganda, nos mass media e o deseño, nos ídolos mediáticos, na moda; en fin, nese entramado que forma a sociedade de consumo. Unha iconografía recoñecida por todos e todas nós que nos leva aos sesenta cando se comezou a traballar e nos trae ata a actualidade. Unha arte que ten, entre nós, as fontes no Equipo Crónica e, a nivel internacional, en artistas como Andy Warhol e os seus personaxes famosos que equiparaba a latas de sopa ou as derivacións do cómic de Lichtenstein. Debedora da banda deseñada, aproxímase a ela nas liñas fortes e moi definidas, na simplificación da representación e a composición, na falta de preocupación polos fondos… porque o que realmente lle interesa é a imaxe, esa que vale máis que mil palabras e un cento de perspectivas.

E si, utiliza Jorge as cores planas, as pinceladas esquemáticas, os grafismos simples e un debuxo despersonalizado que se fai propio a través das marcas informalistas e a man que unifica o seu mundo. Porque crea un mundo propio colaxeando, sacando de aquí e de alí e xuntando, achegándolle esas pegadas xestuais, os tachados e o sentido do humor.

Podería ser unha arte da repetición, da reprodución industrial e en serie pero non é iso o que Jorge busca senón unha mirada propia que se fai dona do que xa compón a paisaxe urbana. Mirada que se define na unión de elementos inesperados e uns títulos que axudan a buscarlle o sentido do que quere transmitir.

Traballa con imaxes que recoñecemos pero que agora nos poñen a pensar porque el lle achega ese valor engadido que nos obriga a ir máis alá. Ás veces consegue o noso sorriso, outras pon a andar a engrenaxe do noso pensamento e lembranzas, porque xa pode xogar coa nostalxia daquelas iconas que nos acompañaron en días pasados.

Acrílicos sobre lenzo e a mirada auténtica de quen crea dándolle continuidade ao seu traballo de deseñador, de quen achega a orixinalidade recreando sen ningún tipo de falseamento, seducíndonos coa frescura e o descaro. E traéndonos, tamén, os sentimentos que esas imaxes lle produciron e nos produciron naquel momento e hoxe, cando as revivimos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *