Noia, un espazo da memoria

BA27C2F6_21042Pedro García Vidal. Ao igual que as persoas, algunhas cidades posúen tamén certificado de nacemento. No caso de Noia ten data de 9 de abril de 1168, momento en que o rei Fernando II lle outorga a súa Carta Pobra, polo que a vila vén de celebrar o seu 850 aniversario. Logo de tanto tempo, a memoria devalou, e a cidadanía foi perden-do conciencia do mundo que a creou. Os novos habitantes da vila non recordan case nada. Miran arredor e non recoñecen a man dos creadores. Pero as pegadas están aí, permanecen como testemuñas mudas dun pasado feito por quen nos precedeu.

No conxunto urbano de Noia, o casco histórico aparece claramente diferenciado. As augas do mar e do río son fronteiras doadamente percibidas a falar dun pasado marítimo e mercantil onde a vila cimentou o seu esplendor como Portus Apostoli.

As rúas de bordo, por terra, substitúen agora as antigas murallas desaparecidas que daban carácter de cidade a quen como Noia gozaba dun recinto por elas abrazado. No interior deste espazo, un conxunto de rúas, calellas ou congostras, algunhas das cales se abren a pequenas prazas, permiten o tránsito entre un apertado casarío.

Mundo que outros crean

Nesta artificial paisaxe de séculos, observamos o mundo que outros crearon. Non podemos dar un paso sen pisar o resultado da súa obra. Nin abrir os ollos sen vermos o trazo da súa pegada. Unha obra que é todo o que nos rodea. Só o descoñecemento nos fai ser ingratos cos seus creadores. Esquecemos os seus nomes ou non apreciamos moitas das realizacións que nos legaron.

Neste territorio da memoria percorremos a vila a través dunha xeografía bautizada na que todo ten recibido o seu nome: rúa da Laxe, praza do Tapal, porta da Peregrina, igrexa de San Martiño, pazo Dacosta, hospital de Adentro, barrio da Peixería, etc. Incluso nos bordos próximos, no que foron antigos barrios extra muros, atopamos igualmente vestixios e nomes desa xeografía referencial: rúa da Corredoira de Afora, barrios do Espírito Santo, da Pedrachán, San Lázaro ou Campo das Rodas, igrexa de San Francisco, Alameda, Campo da Feira, Besteiros, Pelamios, Cuncheiros, entre moitos outros.

Paseniñamente a non cidade, onde domina a desorientación e o desacougo, asolágao todo. Só queda o consolo de retornar acotío a ese espazo íntimo e acolledor que é a vila histórica, esa illa de memoria que alimenta e reconforta.

3 comentarios en “Noia, un espazo da memoria

  1. Grazas Magdalena polas túas sempre agarimosas palabras. Perdoa a tardanza na resposta pero estiven fóra.
    Evidentemente non estou nin podo estar en contra do progreso. Pero si estou enfrontado dende hai anos a ese “progreso” especulativo que enche os petos de algúns, mentres as nosas aldeas, vilas e cidades son colonizadas polo formigón caótico e uniformador sen respecto polo pasado.
    Cruzar as augas do Eo ou o Miño é atoparse xa con outra forma de amar e coidar o territorio. Aprendamos de outros pobos que progresaron sen esquecer as raíces.
    Saúdos cordiais.

  2. ¡ Hola, Pedro ! Ya echaba en falta tus idílicos espacios urbanísticos. Ojalá que un día, me encuentre con algo tan lírico dedicado a mi querida Palmeira. Sé que si indagas un poco sobre nuestro querido pueblo, de tu privilegiada “pluma” saldrá lo que yo espero.

    Nunca me cansaré de decir que Noya para mí, es un lugar que aflora en mi sentimiento, por ser la tierra de mis ancestros, y con ese pedacito de tierra, conservo un vínculo especial.
    Hablas sobre “a metástase do progreso”, es verdad que es triste ver como nos roban los recuerdos de nuestra infancia. El progreso es un ave de rapiña que hay que alimentar metiendo en su buche recuerdos, paisajes, sentimientos y nostalgias, tragando poco a poco nuestro pasado. Pero la vida sigue, Pedro, y tenemos que caminar con el tiempo. De todas maneras, el pájaro tragón, nunca podrá arrancarnos de la retina, nuestros recuerdos . Y eso es lo que cuenta.
    Besiños palmeiráns.

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *