Pedro F. Castelao, un teólogo laico

O Escritor. A vision do invisiblePastor Rodríguez. Pedro Manuel Fernández Castelao nace en Ribeira en 1975, onde estudou o bacharelato para logo cursar teoloxía no Instituto Teolóxico Compostelán e na Universidade Pontificia de Comillas, ademais de asistir a cursos formativos en Nápoles e Friburgo de Brisgovia. Premio extraordinario de Licenciatura en Teoloxía no ano 2000, doutorouse no ano 2009 e gañou o Premio José María Ramón de Sampedro á mellor tese de doutoramento en Teoloxía. Profesor convidado na Universidade Interamericana de Porto Rico, é profesor en Comillas de Antropoloxía Teolóxica. En xaneiro de 2007 sucedeu o seu coterráneo Andrés Torres Queiruga, seu mestre en Compostela, na dirección da revista Encrucillada. Con estudos tamén de Filosofía, interpreta a gaita nos grupos de música tradicional Ancoradorio e Gueimaría. No ano 2000 publicou o volume El transfondo de lo finito. La revelación en la teología de Paul Tillich, ao que seguiu en 2011 a obra La escisión de lo creado. Creación, libertad y caída en el pensamiento de Paul Tillich, ademais de varios artigos en revistas especializadas, en volumes colectivos, pero tamén en revistas de divulgación. Teólogo con gran formación intelectual, está tamén moi atento aos problemas actuais da Igrexa Católica, ás ensinanzas do Concilio Vaticano II e aos problemas da Igrexa en Galicia a través da revista Encrucillada, na que publicou varios traballos, entre eles “O Concilio Pastoral de Galicia e o galego” (2009) ou “A existencia de Deus e o problema do mal” (2010). Xa no ano 2014 aparece o seu primeiro volume en galego, A visión do invisible. Ensaio epistolar contra a banalidade intrascendente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *