Galicia e os galegos na poesía castelá XCIV. Lope de Vega escribe castrapo

CA00362501Román Arén. Lope de Vega foi un dos poetas fundamentais do Romanceiro Novo e o profesor Antonio Sánchez Jiménez leva anos estudando e editando o Romanceiro lopesco, seguindo o ronsel do seu mestre Antonio Carreño. Agora (2018), na colección Letras Hispánicas da editorial Cátedra, edita os Romances de senectud de Lope, é dicir, os que escribiu entre 1621 e 1635. No volume, que numera do LXXIV al CXXXIII (porque segue a numeración dos romances da madurez, que son setenta e tres), atopo algo sorprendente, o romance CIV, editado a partir do Códice Durán-Masaveu (xa editado en 2011 por García de la Concha, Madroñal Durán e Domínguez Cintas), que xa publicara en 1856 Cayetano Rosell na Biblioteca de Autores Españoles. O romance é de autoría indiscutible porque o Códice Durán-Masaveu é autógrafo. Tamén foi editado en 1997 por Martínez Comeche, e comentado en 1953 polo galego Menéndez Pidal. O mesmo editor deste volume, Sánchez Jiménez, lle dá a categoría de “insólito” na obra lopesca, e considérao de “estilo burlesco” e, xa que logo, “surgió de un ambiente académico” Quere dicir o editor que se trata dun xogo erudito-burlesco, frecuente nas academias do século XVII. É ben sabido que o uso do galego, o “vizcaíno” e o “sayagüés” na poesía española producía hilaridade nos lectores e oíntes desa época, pero é un recurso raro en Lope. O editor caracterizouno como “un romance burlesco que… tiene algo de centón de recursos, fórmulas e incluso versos enteros del romancero viejo, siempre pasados por un tamiz gallego o supuestamente gallego para conseguir efectos cómicos”. Menéndez Pidal, no seu volume segundo do Romancero Hispánico (1953) non anota o carácter burlesco, senón que o consdiera unha “muestra de las antiguas versiones mezcladas de gallego y castellano”. Non ignora Pidal que o romanceiro galego é, en moitos casos, un romanceiro “hibrido” entre o galego e o castelán. Eu, con moito atrevemento, aventuro que a lingua galega, máis que unha función cómica, pretende dotar dunha pátina de antigüidade (o galego como español “arcaico”) ao tema de Roldán. O romance de 112 versos organizado en cuartetas, ten como base o romance de Gaiferos e Melisendra; Roldán sae de París para buscar a súa muller, Galanzuca, presa en terra de mouros, e para iso disfrázase de peregrino a Terra Santa. Así comeza:

Triste sale el cabaleiro/de París, esa ciudad,/en busca de Galanzuca;/nunca la pudiera hallar./Cautiváronla los moiros/mañanita de san Joan,/callendo rosas y frorers/ribeiriñas de la mar./Sete anos había, sete anos/que las novas no le tray/ni la fama ni los tempos,/que nunca saben calar.

Disfrazado o protagonista (“sombrero de peregrino/con veneras además,/la esclaviña que levaba/aforrada en taifetán”) embarca para Terra Santa (“donde a Deus los judeos/le ficeran encravar”) ninguén sabía que era Roldán, agás un paxe da Coruña:

Nunca supera ninguno/ que se chamaba Roldán,/se nao fora un pajeciño/de Coruña natural.

Naufragan e “deron en terra de moiros/forza fora la tomar”, e alí dá cunha cidade onde chama por Galanzuca, pero está veo e di:

¿Quein sois vos, el cabaleiro,/que por amor os matais?

Responde Roldán, sen saber aínda que aquela “moriña garrida” é Galanzuca, e esta identifícase. Final feliz tras a anagnórise:

Media noite era por filo,/los galos querían cantar,/cuando con treinta cautivos/por la mar fuyendo van./Antes que lleguen a Francia/Galanzuca preñe está,/porque a los que bein se queiren/non les estorba la mar.

Un comentario en “Galicia e os galegos na poesía castelá XCIV. Lope de Vega escribe castrapo

  1. Buenos días Román:
    Estoy leyendo un libro “La memoria de la lluvia” de Pedro Feijoo y estoy segura de que te interesaría. Solamente te diré que se trata de unos crímenes que tras ellos se va conociendo la vida de nuestra poetisa Rosalía de Castro. a mí me enganchó, es una novela interesantísima. Si no la has leído te la recomiendo.
    Ha sido galardonada con el premio Arzobispo Juan de san Clemente en el 2015, es la segunda vez que obtiene tal reconocimiento, y la verdad, que no me extraña porque escribe magníficamente.
    Feliz verano, Román, y besiños palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>