Catro lecturas do verán

fumoInés Otero. Nestes derradeiros días do verán lin catro libros que gardan entre si unha coincidencia. En Fumo, Ivan Turguénev conta a historia de tres persoas, Litvínov, Irina e Tatiána, unidas por unha complexa relación amorosa. Antoine de Saint Exupéry narra en Voo nocturno as peripecias dos pilotos que levaban o correo postal polas estremas chairas da Patagonia nunha época onde a navegación aérea semellaba unha auténtica aventura. Para Isabel é un fermoso relato contado por Antonio Tabucchi que nos leva a seguir as pegadas deste comprometido personaxe, perseguido por unha ditadura noxenta, a través de xeografías diversas e paisaxes algo máis familiares. Unha firme aposta literaria é  a que amosa Gonçalo M. Tavares en O Senhor Walser e a Floresta  que, valéndose da curiosa biografía do escritor suízo Robert Walser, sozinho no mundo,  reflexiona sobra a vida e a literatura.

Catro fermosas narracións que, como dicía na primeira liña, están unidas porque as lin en portugués e a través dunhas edicións tan coidadas e fermosas que resulta un pracer mergullarse nas súas páxinas. Unha lectura que tamén axuda a mellorar os nosos coñecementos e habelencias cando nos enfrontamos coa lingua galega. Unha auténtica festa literaria. E un magnífico final de verán!  E que veña axiña o outono para ler os outros sete libros que merquei nunha recollida livraria de Viana do Castelo uns días atrás. Outras sete obras mestras da literatura portuguesa e universal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *