As illas Casitérides

casitéridesXulio Gutiérrez Roger. Para os fenicios a situación exacta das Illas Casitérides era un segredo de enorme valor militar e político, que trataron de manter oculto por todos os medios. A tal efecto fixeron circular o conto de que estaban alén de mares embravecidos poboados de monstros terroríficos. É ben certo que o Atlántico non é un apracible lago suízo, pero non é menos certo que o paso de embarcacións polo Finis Terrae é continuo desde os albores da navegación.

Eran as Casitérides unhas illas mitolóxicas, riquísimas en estaño, o recurso estratéxico máis importante da época, coma hoxe o petróleo. Da aliaxe co cobre obtíñase o bronce, o metal do que se facían as armas máis poderosas da época. Unha espada de bronce podía cortar outra de cobre como se fose de manteiga, e unha armadura de bronce facía case invulnerable o guerreiro na batalla. Como no Mediterráneo o cobre é moi abundante pero o estaño é escaso, quen dominaba a extracción e o comercio do estaño dominaba o mundo. Polo menos ata a chegada do ferro, que fixo esquecer a vella tecnoloxía e o paradoiro dos míticos xacementos.

O estaño obtense dun mineral, a casiterita, que recibe este nome, obviamente, das lendarias illas. A casiterita aparece en filóns encaixados en rochas magmáticas coma o granito. As mineralizacións de casiterita que hai no Barbanza están relacionadas coa intrusión do Confurco, unha gran masa de granito formada pola solidificación dunha cámara magmática incandescente hai uns 200 millóns de anos. Durante o proceso de solidificación, os materiais máis volátiles escaparon cara á superficie orixinando filóns de cuarzo e pegmatita con abundantes e variados minerais metálicos. Entre eles destacan a mencionada casiterita, a schelita, a pirita, o ouro, a prata, e o célebre wolfram que tanta importancia acadou nos anos corenta.

Este tipo de xacemento non só é común en Galicia senón tamén na Bretaña francesa e en Cornualles, no extremo suroccidental do Reino Unido. Curiosamente, os tres lugares estiveron unidos na época na que se formaron as intrusións, aínda que miles de anos despois foron separándose ante as tremendas forzas tectónicas de apertura do océano Atlántico ata chegar á súa posición actual.

Á vista dos datos xeolóxicos, poida que as Illas Casitérides non fosen un lugar real senón unha invención, que se correspondería cos xacementos metálicos destas tres rexións, afastadas entre si, pero que formaban parte da ruta comercial dos fenicios. Os nosos entregos, castrexos primitivos, serían os mineiros que extraían o metal da terra e o vendían aos mercadores estranxeiros. Pero, iso si, adulterado con chumbo para mellorar as ganancias, porque a pillabáns nunca nos gañou ninguén.

Sabemos que o Barbanza é unha comarca de gran riqueza mineira, que constituíu unha gran fonte de riqueza no pasado, e posiblemente tamén no futuro. O que non sabemos de certo é se era a nosa costa a que os fenicios deixaban á popa, aló polo século II antes da nosa era, cando partían rumbo sur, coas adegas cargadas de estaño, das fabulosas illas Casitérides.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *