Invasión

As eirugas transfórmanse en bolboretas tras estar baixo terra entre un e catro anos
As eirugas transfórmanse en bolboretas tras estar baixo terra entre un e catro anos

Xulio Gutiérrez. Os rapapelos procesionan por onde lles peta. Indiferentes aos pasos de cebra, aos semáforos e ás direccións prohibidas. Indiferentes aos pisotóns dos primates con zapatos que os esmagan pisándoos con asco. Indiferentes ao balbordo dos nenos que xogan a desfacer con paus as súas rectilíneas formacións.

Sábense protexidos polo líquido urticante dos longos filamentos que ornan o seu lombo pero tamén saben que teñen un punto débil, a cabeza. Por iso forman ringleiras, encabezadas sempre por unha femia, nas que cada eiruga protexe a testa da compañeira que vai detrás. O dictado xenético da natureza impulsa a estas eirugas velenosas a saír das confortables bolsas de seda nas que viviron durante o inverno para soterrarse e mudar o seu aspecto. Unha drástica transformación que converterá o torpe verme peludo nunha áxil bolboreta nocturna.

A vida dun rapapelos comeza a finais do verán na ponla dun piñeiro, onde a nai bolboreta puxera uns 200 ovos. Todas as eirugas dunha bolsa son irmás e constrúen cooperativamente o seu refuxio nunha póla solleira para soportar os rigores do inverno. Durante os meses fríos, pasan o día acubilladas no seu tóxico fortín e saen de noite para comer con voracidade as follas tenras dos piñeiros e, ao tempo, evitar os depredadores diúrnos.

Cando chega a primavera, os rapapelos abandoan a súa sedosa gorida e marchan en procesión buscando un lugar cálido para soterrarse e sofrir a metamorfose. A tóxica caravana pode deixar un amargo recordo a quen ouse tocalos. A ponzoña do rapapelos provoca graves efectos nas persoas, especialmente en persoas alérxicas, e tamén en animais pequenos, para os que pode ser mortal. É sensato evitar o contacto cos pelos urticantes das eirugas e tamén cos niños, que adoitan estar cheos destes pelos.

A vida da procesionaria como bolboreta adulta é breve, apenas un par de días. Cando eclosionan e saen do casulo deben aproveitar o tempo para buscar parella, copular e poñer ovos e pechar o seu ciclo de vida.

Cando a procesionaria afecta a unha plantación de coníferas, especialmente de piñeiros, cedros e abetos, dicimos que é unha praga, e utilizamos medios físicos e químicos para «erradicala». Pero o certo é que a procesionaria xa facía as súas bolsas millóns de anos antes de que os primates baixásemos das árbores, en África, e invadísemos o mundo enteiro. A procesionaria non invade o territorio humano, é o humano o que ocupa o territorio da procesionaria. Algo análogo acontece con outros «invasores», desde o lobo ata a carcoma.

O mellor método de control sobre a procesionaria, e sobre as outras «pragas», é manter un ecosistema sano con abundante e diversa fauna porque son aves e pequenos mamíferos, antano abundantes e hoxe escasos, os máis eficaces depredadores desta couza.

4 comentarios en “Invasión

  1. Antes de máis os meus parabéns por un artigo ben interesante, Xulio. Porén, quixera facerche unha preguntiña. De onde sacas o termo “rapapelos” para a procesionaria? Para nós, e nos dicionarios, ese termo é para nomear un peixe plano. Graciñas

    1. Que ben que me preguntes por esta palabra! Éche ben curiosa.
      Escoiteina por primeira vez en Boiro, nos anos oitenta, cando daba clases no Colexio de Praia Xardín. Cando estaba explicando a biología dos insectos e puxen como exemplo a bolboreta procesionaria, os alumnos dixéronme que aquí chamábanlle rapapelos. Pareceume un nome raro e non prestei moita atención.
      Nos anos seguintes volvín a escoitar varias veces este nome pero non foi ata que o can da miña sobriña tivo un encontro moi cruento, que me interesei polo rapapelos. O caso é que o curioso canciño tentou capturar unha desas eirugas peludas e acabou no veterinario cun grave cadro de envelenamento. Como consecuencia, perdeu un bo fragmento da súa lingua. Preguntei a bastante xente, e por aquí (Boiro) o apelativo é común. Investigando por internet atopei o nome rapapelos en numerosas referencias (como bolboreta, descontando as máis numerosas ao peixe) e incluso aparece no diccionario normativo galego-castelán de Galaxia.

    2. Perdoade que entre nunha cousa da que non teño nin puñatera idea. Pero na miña aldea, Sanmartiño, tamén en Boiro, lles chamabamos “rapacons”, por se vos interesa a palabriña, que, en calquera caso, é moi expresiva. Saúdos.

  2. Boas tardes, Xulio:
    La naturaleza es la mejor maestra; y ¿qué mejor garantía para conocerla, que el escritor nos sepa contar las cosas que ella contiene, tan bellamente como tú lo has hecho ?
    Bonito, e interesante de verdad.
    Saludos palmeiráns.

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *