Punta seca. Manuel Ayaso

Ayaso emprega a tinta de gravar como coada literaria
Ayaso emprega a tinta de gravar como coada literaria

Antonio Piñeiro. Así, pensándoo coma título, é como puiden comezar a dexergar o que agochaba detrás dos novos setenta gravados cos que o xenial mestre Manuel Ayaso vén de encher outra xerra na gran billa da súa obra. Así: punta seca, que sempre me deu unha das suxestións certas, malia o paradoxal do significado, da lírica do pintar: sésega que deixa no cobre da identidade a punta forxada da arte e da liberdade. Proído cicatrizante do pensar. Rego burilado decote pola arte na tona da conciencia. Ninguén como Ayaso para vérmolo.

Manuel Ayaso emprega, outra volta, a tinta de gravar coma coada literaria. Coma voz. Unha voz onírica e matinadora, de dentro a dentro. Do seu seo ao noso. Converte o pensamento, case que diriamos o delirio existencial, na linguaxe fantasiada dun debuxo. A febre do comprender na ollada sinxela dun rapaz ante o todo. Ante o todo que é tamén o nada (como o vemos acó, neste ollar o prato coa caveira, do neno que vén ser cadaquén sempre). Deixando que as cousas da realidade, ou das realidades, cheguen de seu -xa o dixemos- coma nun soño. Sempre co azo da liberdade por diante, a estética, a conversacional, a del coa imaxe, coa imaxinación, con nós. Ollando polos ollos alados do soño para chegarmos ao mundo que hai dentro do mundo.

O mestre emprega a punta de gravar para albiscar a silueta das personaxes aínda non albiscadas e facer con elas a inesgotable multitude que é a vida. Para poder agarrar o tempo cunha farpa de tinta, facer voz cunha mina de chumbo, cunha lesta de prata ou cunha aresta de grafito. Coa arte que sae dun peto da camisa pero non cabe no bastidor. Velaí o poético. O soño da punta seca. Mesmo a fermosa antítese do captar debuxando. Velaí tamén o filosófico. Velaí o rostro que olla a caveira reflectida do seu rostro. A face que olla o tempo na fonte quieta da perplexidade, que suxeita a auga estanca das eternas preguntas na fraxilidade da louza. O ser -ou non ser- que, shakesperianamente, se olla a si mesmo no espello evaporable.

Un comentario en “Punta seca. Manuel Ayaso

  1. Buenos días, Antonio:
    Conozco la obra de Ayaso. Fui a Artes cuando expuso su trabajo y lo observé con mucha devoción. Me encantó.
    Todo arte merece elogio, y toda aquella persona que hace magia con la palabra la considero igual de artista que el que trabaja en el cobre o el que cincela el mármol. Tu artículo es muy bueno. Tú, has bebido el hidromiel de la poesía que regala Odín a todo buen poeta que declama sus versos.
    Felicidades.
    Besiños palmeiráns.

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *