O pousadoiro da balea

Fotosderianxo.com
Fotosderianxo.com

Begoña Miguéns. Aquel día Asubiote fora contemplar as estrelas a Pedra Vixía, un penedo moi ben localizado que permitía a vista enteira das praias de Tanxil e Quenxo. Disque aquel promontorio servira noutro tempo aos cabaleiros da casa grande do lugar para avistar a chegada dalgún alleo.

O caso é que o día que Asubiote ocupaba a Pedra Vixía era el a única sentinela, sendo testemuña sen esperalo do suceso de máis impacto da contorna.

Era moi tarde. Non se sabe que hora. Pero a noite era clara cando Asubiote abandonou o seu estado contemplativo amoestado por un forte bramido.

Puido ver sen esforzo como unha criatura se aproximaba á praia e dun chimpo pousaba no dique asolagado. O que era non o sabía. Como era peixe e xigante supuxo que se trataba dunha balea. Fose o que fose, a criatura abriu as fauces e, como se dunha capela mortuoria se tratase, Asubiote puido ver como no interior xacían varios corpos sen vida. Entumecido como estaba, sentiu desfalecer ao recoñecer nun deses cadáveres o seu amigo Zoilo o Mariñán, que afogara non había tanto, un día de temporal, e o corpo nunca aparecerá.

Comprendeu que a balea, lonxe de ser a causa da morte dos mariñeiros, era, pola contra, a protectora dos corpos abandonados. Recollíaos e, despois, cando se daban sabe Deus que confluencias naturais e máxicas, saía á superficie e ía presentar os desafortunados á Virxe que mediaba entre as dúas praias para que intercedera por eles na viaxe que a piques estaban de emprender cara á desembocadura de todas as desembocaduras.

A balea pechou a súa gran mandíbula e acto seguido desapareceu.

Asubiote sempre pensou que collera cara á fóra da ría, aínda que, tempo despois, non poucos xuraron e perxuraron que viran unha balea remontando o río Ulla. E aquela foi ben seguro a derradeira misión cumprida deste animal máxico. Poucos anos despois, os seus propios protexidos acabaron con ela, pois, segundo apareceu recollido nun xornal da época, unha balea fora abatida cando se atopaba dentro da enseada de Tanxil.

Aquel día a criatura fora avistada ao pasar por (…) e o rumor andou máis rápido que a súa propia navegación, de xeito que, cando chegou a Tanxil, contábanse ducias de mariñeiros novos —os vellos botaban as mans á cabeza e non querían mirar—, que agardaban para facela anacos a machadazos. O animal conseguiu fuxir, maltreito. Seguindo o seu ronsel de sangue sóubose que outros mariñeiros dunha comarca veciña, remataran o que empezaran en Rianxo.

Que ignorancia a do home que se destrúe a si mesmo. Que desgraza a dos corpos dos afogados para sempre abandonados na negrura do fondo do mar. Agora non hai balea, nin Virxe. Por non haber non hai auga que inunde o dique, o pousadoiro da balea dos mortos do mar.

2 comentarios en “O pousadoiro da balea

  1. Buenos días, Begoña:
    Justo en el momento en que pretendía salir, mi pensamiento navegó hacia “la Cafetería” de la que soy aprendiz asidua de lecturas complacientes, y me encontré contigo. Como veo que eres nueva en Barbantia (pero no novata en el arte de la transcripción), quiero darte la bienvenida.
    Decirte que me ha gustado lo que has escrito y espero que lo venidero salido de tu pluma, siga esos derroteros.
    Besiños palmeiráns.

Deixa una resposta a Begoña Miguéns García Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *