Marina Losada Vicente. Tendo ido á notaría deixar por escrito o destino dos bens materiais, veño aquí testar sobre o que máis me identifica, a fala, que abriu os camiños todos aos nenos e ás nenas da casa. Os alalares do berce, aqueles que aínda hoxe acompañan o meu sono, “meu meniño foi ao viño, rompeu a xerra no camiño, pobre xerra, pobre viño, pobre cu do meu meniño“.
Os contos de lareira, cheos de maxia, e de medo, con orcos que eran cans, con porvisos que eran demos. Con potas enormes anunciando a morte.
As palabras esquecidas tantos anos: prendedor, chicolote, salghado, cincocentos, enxouta, entalar, roxear, mi padre, mi madre… arresendos dunha avoa que con dor do seu, conformouse con ser “abuela”.
Os sons da mesa que era pandeiro (tintirintiño, tintirintola, a que non come non ten barrighola…).
Os xogos traducidos, medrando na lingua nosa: Cinco lobiños que tiña a loba, cinco lobiños detrás dunha escoba, cinco parira, cinco coidaba, a todos os cinco o teto daba.
Os cantares de berce que viñeron de alén dos mares, formando parte da nosa casa, xeración tras xeración: Durme, durme, meniña, que túa nai está no campo… traballando duramente….
Os contos inventados para os fillos, para a filla, as sobriñas e agora para vós, neto e neta, que se ganduxaron uns cos outros, tecendo unha tea de araña multicolor, habitada por tartarugas, arroases, bolboretas… arcos da vella feitos escadas para subir ao infinito, e non quedar nel, volver sempre. Volver á terra, pisar o chan.
Follas, amoras, chuchameis, cunchas, arghaso, que encheron as vosas mans; asubíos do solpor dos estorniños; as estrelas tinguileando da noite. Se deixo algo verdadeiramente meu, está nas palabras. Por iso espero que as coidedes moito.
Marina: Hermosa narrativa con un contenido de palabras; cantares y recuerdos, llenos de añoranza. Esos cantares que las madres, sobre todo abuelas, les cantaban a sus nietos. Gracias por recordarnos el ayer!!
Grazas. Moi amable
Parabéns Marina. Fermosas palabras.