O xogo das cadeiras

cuberta-alberdiPilar SampedroGustaríame falar dun libro “O xogo das cadeiras”, non polo que nos pasa pola cabeza cada vez que lemos esas palabras, senón porque anda entre nós a súa tradución ao galego da man de Isaac Rubín, en Hugin e Munin. Unha novela vasca, da autora Uxue Alberdi, á que os lectores e lectoras de literatura infantil xa coñeciamos a través do álbum ilustrado, publicado por Kalandraka, “Cando sexades pequenos”, unha verdadeira xoia na que os meniños nos explican o que os adultos poderemos facer cando sexamos nenos e nenas.

Agora, estamos ante unha novela dirixida ao lectorado adulto, unha novela de vellez e mulleres que recolle moi ben a atmosfera dese país que mira ao mar e lembra. Lembran e pensan tres mulleres que protagonizan a historia, especialmente unha delas, a que realmente ocupa ese imaxinario propio e nos seduce.

Para catar:

“(…) As persoas, unha vez aprendida a canción, intercambiaban a folla cunha veciña ou cun compañeiro e cantaban seguido na rúa Maior ou no canellón dos Gatos: as sardiñeiras, os mariñeiros que acababan de recibir o aviso de ir ao mar, as redeiras, os nenos que iamos escabezar os bocareus… Ás veces comezaba a cantar unha muller que tendía as sabas na rúa de Arriba, e a melodía, co seu recendo a xabón, entráballe polo oído a un home que pasaba por baixo da fiestra. O home, coas mans nos petos, asubiaba a canción, levándoa canda el rúa abaixo, e os nenos que xogaban no peirao recoñecíana e daban en cantar coas súas revellidas camisas cheas de escamas. Dende o peirao, a música chimpaba até o embarcadoiro, e o mariñeiro que estaba a piques de saír prendía nela sen se decatar mentres soltaba da bita a barca vermella. E semellaba que a melodía se enlease nos anzois, porque as fanecas e os xurelos traían a boca aberta ao aportaren, coma se estivesen a entoala nun torgo grave e penetrante. E as vellas notas viaxaban de Kantoieta a Olaeta, e dende alí de novo rumbo ao mar, lonxe de Olaeta, cara ao horizonte e máis alá, e a min parecíame que a canción daría a volta ao mundo.”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *