Revisitar o Seoane máis comprometido

SeoanePilar Sampedro. Na sala de exposicións de Fonseca, alí onde se reuniu o primeiro Parlamento de Galicia, acaba de inaugurarse a exposición Luís Seoane. 13 estampas da traizón. 80 anos da súa publicación. Unha exposición que retoma os debuxos de Seoane, Manuel Colmeiro, Arturo Souto e Castelao ao lado daqueles realizados por Camilo Díaz Baliño nos seus derradeiros días, cando estaba preso na Falcona, aí ao lado, nos baixos de Raxoi.

As 13 estampas sinalan co dedo índice os responsables da matanza  na que caen as mellores cabezas dunha época. Editado no 1937, contaba o que estaba a suceder despois do Golpe de Estado; a mostra fai o relato deses anos, do 37 ao 42.

Comisariada pola directora da Fundación Luís Seoane, Silvia Longueira, e pola documentalista e profesora de la UDC María Antonia Pérez, recolle parte da biblioteca de Luís Seoane (depositada na RAG) na que se demostra o coñecemento e influencias das Vangardas Históricas na súa obra.  Conta, tamén, con outra documentación en forma de revistas, artigos de opinión (artigos de Maruja Mallo e crónicas de Castelao en La Vanguardia) e folletos de propaganda política desa época.

2019 foi un ano no que Seoane e Castelao visitaron Compostela. De moi distintas maneiras, pero o primeiro está tamén moi presente (desde o título) en Figurando lembranzas (Fundación Granell) e o segundo deu lugar a A derradeira lección do mestre no Museo da Cidade da Cultura, Alba de Gloria (na igrexa de San Domingos de Bonaval) e Castelao grafista, unha exposición comisariada por Miguel Fernández Cid, organizada pola Real Academia Galega de Belas Artes e a Fundación Torrente Ballester (onde se mostra) e producida por Turismo de Galicia. Unha selección da mesma distribuíuse a través do Instituto Cervantes e o Ministerio de Exteriores, a diferentes centros culturais do mundo, para a súa exposición.

A derradeira lección do mestre, aparece de novo na mostra de Fonseca. Na súa presentación, unha das comisarias falou de como Seoane no álbum quixo mostrar o asasinato dos mestres e a dor das crianzas como símbolo do que estaba a acontecer. Nunca nos deixarán indiferentes esas bágoas infantís como tampouco o debe facer o traballo silencioso dos mestres comprometidos coa educación e a cultura; daquela houbo artistas que o souberon plasmar.

80 anos despois, 13 estampas da traizón, tráenos o pouso daquela memoria que foi secuestrada. Os republicanos creaban obras para que o mundo soubese do horror mentres no exilio interior se vivía unha antiutopía. Todos lles deron as costas e tiveron que sobrevivir, fóra e dentro, na soidade máis absoluta. Décadas máis tarde, cando se recuperan estas obras, non sabemos moi ben cal é a repercusión a nivel público e individual, a reacción emotiva e racional que provocan no público espectador; descoñecemos quen a visita e ata onde comprende e valora todo o que pasou e se mostra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *