De viños pola Ribeira Sacra

carteaEme Cartea. Un día despois da declaración da paisaxe cultural da Ribeira Sacra como BIC, estes 180 quilómetros cadrados lindeiros entre Lugo e Ourense son xa candidatos oficiais a Patrimonio Mundial da Humanidade 2021, froito dos seus caldos con máis de 2000 anos de historia e decantación.

Un embriagante artefacto esta Expo Gallaeciam Vinum Ars, que Arte GuiGlo nos ofreceu no Centro Empresarial do Tambre, en Santiago, acompañados do Chef Manuel Neiro e a súa habelencia culinaria. Un proxecto artístico «ecléctico e diverso» en sensacións, gustos, praceres e aromas que o viño produce, só ao alcance duns sibaritas do padal e do pincel como é este creative binomy.

Un bo día, Gloria López Paz e Guille de la Paz saíron de peregrinaxe por eses bosques de igrexas e mais mosteiros románicos que manan das bocarribeiras da Ribeira Sacra. Un «viacrucis» etílico e impenitente polas sagradas adegas das cinco subzonas, isto é, Chantada, Ribeiras do Miño, Amandi, Ribeiras do Sil e Quiroga-Bibei. Como premio, o nirvana, a contemplación, logo transmutada en óleo pintado.

Viticultura heroica

Porque a creación ten moito de extrema viticultura heroica, ou de montaña -con ata o 60 % de desnivel a salvar, con cestos de 70 quilos ao lombo-, sublime elixir madurado en paisaxes antrópicas, humanizadas. Os «tintos de Galicia» por excelencia, o «ouro líquido do Sil», dende os romanos. E moita dedicación, ilusión e constancia –alla maniera di Aosta, Mosela ou Banyuls- ata esmelgar etiquetas distintas e propiedades afíns.

Eliximos, de entre todos os cadros expostos, a obra -de Guille- De viños pola Ribeira Sacra, un óleo de 100 X 81 centímetros, vigorosa paisaxe de tons azulados en curva que representan os canóns do Sil. No triángulo superior, o sol que proxecta a luz e, coas tonalidades avermelladas, ocres luminosos, verdes intensos e brancos, dá vida ás distintas clases de uva da zona.

Os divinos tintos mencía, monovarietais ou ben en coupage con brancellao, merenzao, sousón, caíño tinto, tempranillo, garnacha e a mouratón; ou os brancos godello, loureira, treixadura, dona branca, albariño, torrontés e caíño branco. E, no fondo do vaso, como inspiración, a abstracción de Kandinsky, e a xeometría de Albers e Mondrian.

Adegas e cadros de grande e pequeno formato. Pincelada sostida, viños e lenzos froiteiros -améndoa, cereixa, tomiño, carballo, grafito-, aromáticos, amplos, complexos, intensos, de controlada acidez e mineralidade aguzada, que se expresan cun gran potencial de crianza, e ganan en composición, redondez e estrutura. En vaso ou en lenzo, con ilusión e desvelos, vivas obras de arte en boca, nariz e ollada. Morbideza elegante, ebriedade de viño e pintura, música e cor, sabor e aromas: unha sinestesia sensual dos sentidos.

Un viño -ou arte- que escoita o peixe cantar nas beiras do Sil e, canto máis o bicas, máis sede che dá. Un río que o autor insinúa en serpe entre pinceladas de guinda e amorodo, con reberetes granates, como un borrancho de bágoas na bébeda aba da copa.

2 comentarios en “De viños pola Ribeira Sacra

  1. O poeta da Ribeira Sacra, canta as virtudes dos espirituosos caldos dos escarpados do Sil, que nos libraron da ocupación romana, sueva e parte da explotación monasterial que nos facía cargar con setenta quilos polos vertixinosos sendeiros das empinadas costas do Canón do Sil, como apunta Magda. Para oficiar en misas, xantares e banquetes das dignidades arcebispais.
    “Non hai ben que por mal non veña”.
    Apertas poeta, e segue vendendo os nosos caldos que ben o merecen.
    Xa estou vendo polas terras de Chantada algún monólito alegórico a o poeta pánidas, cantor das excelsas bondades dos terrapléns do Sil, con tódalas esencias telúricas que brochan do lugar, pero dos setenta quilos non hai quen nos libre.

  2. Buenos días, querido Cartea; ya sabes que desde que el mundo es mundo el mejor medio de socializar es comiendo y bebiendo, y no digamos relacionarse tomando esos caldos de aroma y sabor que nos proporcionan los viñedos de los cañones del Sil. Tengo esa cita pendiente con ellos. Estoy invitada por unos amigos de Orense para ir a visitar ese paisaje cultural a la Ribeira Sacra, pero la ocasión todavía no se ha presentado; espero no dar largas por mucho tiempo y poder alternar con ellos tomando esos divinos tintos de controlada acidez, de gusto y olfato embriagante, in situ.
    José Luís Coll decía: “Si un reserva es un vino tan bueno, cómo será un titular”.
    Y con este jocoso comentario de Coll, te mando también un besote.
    Felices fiestas, Manolo, es un placer leerte. Mucha salud.

Deixa una resposta a Domingo Regueira Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *