Da colaboración entre manifestacións artísticas á colaboración entre entidades

Xoán Soler
Xoán Soler

Pilar Sampedro. Falamos da unión das artes, necesaria especialmente cando se realizan mostras. Ademais da interrelación entre as artes literarias e plásticas, podemos atender á relación entre as exposicións plásticas e a música. Algo que pode remitirnos á suite de Músorgski, Cadros dunha exposición, que escoitamos imaxinando esas pinturas, e tamén ao álbum ilustrado, do mesmo título, que publicou Kalandraka con texto de José Antonio Abad e ilustracións de Xosé Cobas. Neste momento, na cidade podemos ver un par de exemplos a ter en conta.

Un deles está na Casa do Cabido A paisaxe e a súa pegada II comisariada por Mercedes Rozas que fai unha delicada escolla da música que ha de acompañar a cada unha das súas exposición. As fotografías de Andrea Costas (unha inmensa, na que se mostra a si mesma en relación coa Vía Látea), Denís Estévez coa luz sobre a paisaxe dos cegos, Eva Díez coa mirada nun ceo colmado de nubes, e Xoán Soler sacando do fotoxornalismo a imaxe lírica dunha catedral que levita) levan unha banda sonora que imos escoitando mentres dura o percorrido.

Outro exemplo é Fragmentaria,de José Perozo (resultado da experiencia “Artista en residencia” 2019) na Fundación Granell, para a que se creou un espazo sonoro composto por Pilo Sierra.

Pintura, escultura ou fotografía á que se engade música. Esculturas nas que a figura humana en diferentes materiais (cerámica, madeira, metal, cristal, metacrilato…) e composta por distintos fragmentos se pon en relación coas arquitecturas imaxinadas. Unha obra construída co oficio e o imaxinario do artista que pode evocarnos a banda deseñada e que ten máis calidade conforme se separa máis de influencias alleas no contido e a realización. Un mundo propio que ha de coidar, mimar e gardar, porque iso é o máis difícil de posuír no mundo da arte.

Terré. Fotografías é a exposición que estaba na Igrexa da Universidade. Esta, como a de Valente en Fonseca, conta coa colaboración do Ateneo de Santiago, unha experiencia de unión de entidades cívicas con institucións para levar a cabo a creación de cultura na cidade. Con este modelo garántese, tamén, a proximidade da cidadanía.

Ricard Terré é proposto polo Ateneo en base ao coñecemento dun dos seus asociados, que contacta coa filla do fotógrafo, e que será a comisaria da exposición. Laura Terré, especialista en arte que, ademais da escolla e situación das fotografías (de diferentes series) en paneis tal como estamos acostumados, instala no frontal do retablo, en diálogo coa iconografía barroca, un conxunto pertencente á serie Imaxes Abandonadas (retratos da imaxinería en estado ruinoso que foron captadas nas sancristías da diocese de Tui); neste caso, conséguese que o retablo que serve de fondo acolla as fotografías xogando entre a cor do barroco e o branco e negro das fotografías.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *