A siña Fina e a súa parsimonia

caldo-gallego-nabizas-T-BBw7YSMarina Losada Vicente. A miña avoa e a siña Fina eran veciñas porta con porta. A iso das doce coincidiron na panadería, como tantas veces. A dona, por entretelas, mentres arrefriaban un algo os bolos, preguntoulles que tal lles fora o día. A siña Fina, que vivindo soa non tiña présa ningunha, agradece a ocasión.

—Non parei desde que volvín da misa. De contado mediei unha ola coa auga que tiña na sella. Púxena ao lume cun cacho do unto que gardo na artesa. Despois fun á de Maruxa por fabas. Xa na casa, cisqueinas enriba da mesa e fun escollendo de unha en unha, desbotando as que non valían, ao tempo que ía deixando presadiñas nun prato de porcelana. Cando dei conta das que me cumprían, saquei o testo e boteinas na ola. Do cuberto de fóra collín un cacho de touciño e media tira de costela, que levantei do baño do porco, para por a remollo, onte pola noite. Deille unha auga limpa no fregadoiro e engadinnos ao lume. Á volta de media hora, espeliquei unhas poucas patacas vellas que me quedaban. Limpeilles os gromos, tirei as partes que estaban podres, partinas en cachos pequenos, como lascas de carpinteiro, e arrimeinas á cocción para que fosen espesando e dándolle corpo á auga da ola. Deixei pasar unha horiña, procurando que o lume non perdese forza, arrimándolle unha acha agora e outra despois, ao tempo que escollía folla por folla unha mallada de rabizas. Piquei a verdura e deixeina repousar nun balde con auga que fora encher á fonte. Cando terminei, subín ao faiado por dúas patacas máis, de bo tamaño, para xuntar no prato coa vianda e facer así mellor proveito. Espeliqueinas. Saquei do lume a carne que xa estaba cocida, deiteina nunha fonte e botei a cocer as patacas enteiras. Antes de tapar co testo, fixen a proba cun cullerón para ver como andaba a ola de sal. Cando rompeu de novo a ferver, botei as verduras que tiña no balde e un chouriciño, dos catro que lle merquei á siña Lola, que piquei primeiro cun garfo para que fose deixando a súa sustancia na auga…

—Nos días da miña vida! —atallouna a miña avoa, persignándose—. Canto vos rende a mañá a algunhas mulleres! Eu, desde que vin da misa, só fun quen de facer o caldo. Para oito —apuntalou con sorna.

5 comentarios en “A siña Fina e a súa parsimonia

  1. Bo día: Fai anos que deixei de ser “noviña”, o que se demostra polo feito de que a memoria funcione mellor cara a infancia que a tempo real. A cociña da nosa casa: unha lareira, co seu “trespés”, un forno de leña, unha artesa, un alzadeiro e a sella da auga que avoa traía da fonte á cabeza, sobre o muído de lenzo vello… Uns turistas fixéranlle unha foto vendo a graza coa que portaba a sella chea de auga. Avoa non entendeu onde estaría o mérito! Penso que esa muller, que tivo que emigrar soa a Cuba, despois de pasar a gripe famosa, tería moito que dicirnos hoxe. De momento, por aquí ben, Naty, sen soberbia algunha, expostos como estamos todas e todos ao virus. Para todas aquelas persoas que xa se contaxiaron, ánimo. E para as familias dos que xa non están, un bico ben grande.

  2. Marina: Reconozco que has hecho una versión exacta, impecable, de lo que es la elaboración de un caldo gallego, en especial los que hacían nuestras abuelas. Sobre todo, “cando había un porquiño na casa”.

    O pote do teu cocido pareceume tan real, que creo foi escrito por unha avoa daquél tempo, e non por unha muller nova coma ti.

    Y termino porque después de la paliza que le he dado a otro del grupo…

    Un abrazo, con mi deseo de que todos os encontréis bien.

  3. Boa tarde: Alégrome da boa noticia da túa familia, Carmen, e máis sendo persoal sanitario, que tanta falta fai nestes momentos tan complicados. Na nosa familia directa, pai, nai, irmáns, cónxuxes e descendencia, todos ben de momento. Máis alá, como en todas as casas, temos persoas cercanas e moi queridas, afectadas, que levan mal que poden a situación, pero que mandan en todo caso moitos ánimos. Imos a saír, si. Pero sairemos con secuelas. Desexo que nos leve a plantexarnos moitas cousas. Eu, nestes intres, só penso na crise sanitaria. A outra, a que tamén ten que ser necesariamente, deixou de ocuparme a cabeza. Pola semana non podo quedarme na casa polo meu traballo, pero poño toda a atención en cumprir ao cento por cento as indicacións que me corresponden. Bicos. Moitos. Ánimo!

  4. Yo pongo toda la carne con el unto en el agua fría.
    Pues no te cuento si la “siña” Fina tuviese que hacer el caldo para dieciséis -suponiendo que no haya algún agregado, que es lo habitual- con dos ollas al fuego al mismo tiempo… Con el despiste que tengo, si me separo un poco de la cocina puedo encontrar una especie de “papalloada” pegada al fondo de la olla. Y si sólo fuese eso… (Magdalena recibió algún que otro testimonio gráfico).
    El resto de la cocción es más o menos como el de la vecina de tu madre: pico patatas y las agrego junto con los chorizos un poco pinchados con un tenedor y al cabo de un rato, los grelos con las patatas enteras. No suelo retirar la carne, a no ser por cuestión de espacio. Mis hijos y allegados dicen que está insuperable. (Por cierto que lo que procede del cerdo nos lo sirven a domicilio desde Padrón y es un servicio que funciona impecable).
    Con la que nos está cayendo en Madrid, agradezco historias como la tuya. Menos mal que acabo de recibir una buena noticia: alta médica de un hermano de mi nuera que llevaba más de quince días hospitalizado con coronavirus. Es médico y son los que están más expuestos. Encima entraba en los del grupo de riesgo…
    Un abrazo sin virus, extensible a tu hermano Ricardo, al que también echo en falta y deseo su vuelta al foro.

  5. Fixéstesme recordar a una veciña que cando empeza a contar algo, faino con pelos e señales. Algunha vez topámola cando vamos a dar o “raite” e a miña compañeira cando a ve vir, xa mo fai notar cos cóbados significativos a presenza da locuaz veciña; e para máis “inri” fala con tanta intensidade que por pouco mostra o bolo alimenticio ó facelo.
    Xa me fixestes rir un pouco, Marina, que falta fai nos días que corren.
    Boto en falta ó profesor, todo vai ben verdade?
    Moitos biquiños dende Palmeira.

Deixa una resposta a carmen gonzález Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>