Literatura feita por rapazada vs. literatura para a rapazada

catalogo2019Pilar Sampedro. Hai uns días escoitei algo que me fixo pensar en que ás veces poden confundirse ambas: a literatura escrita por nenos e nenas coa literatura escrita para eles e elas. Semella difícil a confusión pero, polo si ou polo non, imos darlle unha volta ao evidente. As persoas que escriben poden ser de diferentes idades. En principio, cando se trata de rapazada, pensamos en escritores en formación, individuos que dominan ata determinado punto as técnicas da escrita, polo que consideramos que son escritores en construción. Para eles e elas hai diferentes tipo de certames que os animan a escribir e avanzar nesta competencia. Entre os concursos, creo que conviña lembrar un do que saíron diferentes escritores e escritoras agora relevantes; estamos a referirnos ao Rúa Nova de Narración Xuvenil convocado pola Biblioteca Infantil Rúa Nova, dependente de Fundación Caixa Galicia, no que resultaron ganadoras María Canosa, Inma López Silva, Carlos Vila Sexto ou Eva Moreda. Nese caso, dirixíase a escritores e escritoras menores de idade.

A chamada literatura infantil e xuvenil é a que, escrita por adultos, vai dirixida á infancia e mocidade. Unha literatura escrita para un lector determinado, pensando nel. Nela dáse unha certa adecuación ao lector, tendo en conta o seu estadio evolutivo, a capacidade de comprensión lingüística e conceptual, así como as necesidades e intereses propios de cada idade. Esta literatura axúdalles a compartir intereses de grupo (os que leron as aventuras dos Cinco, os de Harry Potter ou Os Bolechas, igual que os do Xabarín Club) pero tamén lles serve para acceder ao imaxinario colectivo e para vincular á rapazada actual cos referentes culturais. Dise que estas obras deben funcionar como as grandes pezas musicais cando, en lugar de ser interpretadas por unha grande orquestra, o son por un grupo de cámara; a mesma calidade da literatura de adultos pero construída con menos corres ou máis sinxelas. A estas alturas, entendemos que está superada a mirada de superioridade cara a ela, porque os adultos que non len literatura infantil están a perder algo que non van atopar na literatura de adultos; entre outras cousas, perden o contacto co neno ou nena que foron e que continúa acompañándoos. Ademais, a literatura infantil puxo en marcha determinados xéneros, coma o álbum ilustrado, que a estas alturas son moi do gusto dos adultos, especialmente aqueles que teñen ampliado a súa complexidade.

Non sempre a literatura infantil ou xuvenil foi escrita pensando nese lector, porque hai veces nas que é ese lectorado o que asume libros que non ían dirixidos a eles, como sucede cos chamados clásicos xuvenís entre os que destacan os libros de Jules Verne, R. L. Stevenson, Emilio Salgari, Mark Twain, Defoe,… Dentro da literatura galega, Memorias dun neno labrego é un dos casos máis significativos. Neira Vilas non escribiu este libro para a rapazada pero foron eses lectores e lectoras os que o escolleron e colocaron dentro da literatura xuvenil e aí permanece para sempre.

2 comentarios en “Literatura feita por rapazada vs. literatura para a rapazada

  1. Ou tamén o fermoso libriño de Antoine de Saint-Exupéry “O principiño”. Un libro para rapaces con un contido máis ben para xente grande.
    Xa ves Pilar, o esencial é que se lea, e que a lectura no nos sexa invisible aos ollos.
    Saudiños palmeiráns.

    1. Grazas polo teu comentario, Magdalena.
      Moi acertado, si. “O principiño· tócalles como pluma no espírito a eles, e a nós continúa a falarnos con esa sinxeleza que agacha leccións fundamentais.
      O importante é que se lea nos libros, na natureza e na vida.
      Saúdos e saúde!
      Pilar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *