Aproveitar unha boa crise

Hirukide_categoría-especial_2X. Ricardo Losada. Escríbenme varios amigos desde o confinamento polo coronavirus e dígolles algo que xa dixera Churchill: Nunca desperdicies unha boa crise. Intento mandar unha mensaxe optimista, do tipo da que manda Steve Jobs no seu famoso discurso na Universidade de Stanford. Aos 30 anos foi despedido de Apple, a exitosa empresa que el mesmo creara, e pensou en irse para sempre de Silicon Valley, pero axiña cambiou de idea. Xa que seguía amando ese mundo, decidiu comezar de novo, e acabou decatándose de que ese fracaso en Apple era o mellor que lle podía pasar. A rabia e a incerteza polo futuro estimularon a súa creatividade, e fundou NeXT, que acabou adquirindo Apple, polo que el volveu ás súas orixes, e Pixar, o estudo de animación máis exitoso do mundo. Jobs resumiullo así aos estudantes. “Ás veces a vida golpea a cabeza cun ladrillo. Non perdan a fe. Estou convencido de que o único que me mantiña era que amaba o que facía”.

      Non teño ningunha dúbida de que a de Jobs é a mellor mensaxe que se pode enviar. Pero, ao mesmo tempo, irrítame. As súas circunstancias persoais non son universais. Non todo o mundo traballa en algo que ame. Non todo o mundo atopa a súa vocación. Non todo o mundo ten a súa capacidade creativa. Non todo o mundo ten unha indemnización que lle permite abordar o futuro sen présas. É a razón de que acabe rexeitando discursos así, típicos de persoas, normalmente moi intelixentes e con éxito na vida, pero pouco empáticas. Son discursos que soan moi ben no mundo dos privilexiados, pero que deprimen a maioría da xente, pois fan o mesmo efecto que eses consellos (sal da casa, pasea, alédate) que lles dámos a unha persoa deprimida, sen decatarnos de que é xustamente o que non poden facer. Con boa intención, o único que conseguimos é aumentar o seu estado depresivo.

     O mesmo pode pasar cando lles recomendo a frase de Churchill aos amigos confinados. É fácil dicilo nas condicións nas que vivimos eu e a miña muller: sen fillos, sen persoas enfermas, con hábitos caseiros consumados e múltiples posibilidades de ocio (lecturas, cine, exposicións online, música), e con suficiente madurez e espazo para ter vida propia. Pero non son as condicións máis frecuentes. Por iso, como son profesor, non deixo de pensar que non son as condicións familiares dalgúns dos meus alumnos, e non me refiro ás socioeconómicas, senón ás estritamente familiares, esas que teñen que ver cunhas relacións de convivencia dramáticas xa en condicións normais, e que poden afectar por igual a ricos e pobres. Imaxinalos un mes sen poder saír da casa con dous ou tres irmáns máis e uns pais pouco razoables e con mala relación entre eles, estreméceme, e lévame a pensar en darlles, non o consello de Churchill ou de Steve Jobs, senón o consello estoico: acepta o destino, convéncete de que non podes cambiar as cousas, mantén o teu estado de ánimo, á marxe dos demais, suceda o que suceda ao teu redor.

4 comentarios en “Aproveitar unha boa crise

  1. Prezada Carmen:

    Case paga a pena ausentarse de vez en cando para recibir esa mostra de cariño. Grazas.

    Nesta crise estamos vendo o lado humano e o lado inhumano do ser humano. Nun documental que vin o outro día sobre Bill Gates, un xornalista reprocháballe á prensa que só se ocupase do que pasaba un día e non do que pasaba todos os días. Non se trataría de cubrir o día que se inaugura a depuradora e o saneamento dunha vila africana. Trataríase de ver como esas persoas poden todos os días beber auga potable e facer as súas necesidades en boas condicións hixiénicas. So isto último nos pode converter en seres realmente humanos. O outro, como tamén estamos comprobando nesta crise, só nos converte en consumidores de titulares ou de simpáticos vídeos de YouTube.

    Con Churchill pásame algo curioso. A pesar de ter moitísimas diferenzas ideolóxicas con el, encántanme moitas das súas frases. E non só pola forma, tamén polo que din. Pero seguro que din cousas diferentes para el e para min.

    Un saúdo e moitos ánimos

  2. Qué alegría leerte de nuevo!, querido profesor.
    Nada puedo añadir a tu estupenda exposición de lo que estamos viviendo y el efecto que puede causar según las circunstancias de cada familia. Desde tu oficio de profesor, y ese rasgo humano que te caracteriza, sabes entender mejor que nadie la realidad de las personas.
    Procuro llevar el confinamiento con dignidad, realismo y un poquito de ilusión, sin pensar en el después, por el momento, pendiente de las noticias de hijos y nietos.
    A pesar de que Madrid es la ciudad más afectada, todavía no hemos caído ninguno de la familia; pero el dichoso virus se ha ensañado con familiares cercanos que van superando la enfermedad a trompicones. Es duro de roer el condenado cornavirus.
    De momento no tengo jardín al que pueda bajar, pero sí terraza en la que da el sol y pájaros en el jardín prohibido. Tampoco me puedo quejar.
    Y puestos a citar a Churchill, permitidme que tome un pequeño fragmento de su primer discurso importante como jefe de la oposición en la Cámara de los Comunes. Tal vez no venga a cuento, pero no iba a ser menos…
    “Si recordamos el peligro que hemos atravesado, el potente enemigo que hemos abatido, y los siniestros y mortíferos designios que hemos frustrado, ¿debemos temer el futuro? Hemos salido salvo de lo peor”
    (Pido perdón por falsear una pizca la frase sin que cambiase para nada el sentido: como el cornaviros es uno solo…)
    Unha aperta dende lonxe.

  3. Non penso deixar de servir cafés nesta cafetería, pois, tomalos, na súa variedade e calidade, seguinos tomando. Pero levaba unha temporada un pouco inapetente e decidín ir ao paro e entrar só como cliente. Grazas polas túas palabras.

    Respecto ás frases de Churchill que citas, dúas cousas. A primeira, que xa sabes iso que se di de que o inferno é máis divertido que o paraíso… Hai moitos que prefiren facer unha paradiña… A segunda, que é moi certo iso que di Churchill sobre o erro. A túa aportación do terror é moi actual e ocorrente, pero non me convence. Din que se este coronavirus nos trae un segundo terror alá no inverno, pobre de quen! A ver de onde sacamos o entusiasmo.
    No outro aspecto do teu comentario estou totalmente de acordo. E aí si creo que inflúen moito, por desgraza, as cuestións socioeconómicas. É certo que o virus non entende de clases sociais, pero as clases sociais si entenden de virus.
    Aproveito para saudar a todo o persoal e a toda a clientela deste Café, e a desexarvos un digno confinamento.

    Un saúdo rianxeiro

  4. Ante todo, querido profesor, benvido. Xa notaba a tua falta, e como escribe unha persoa moi apreciada por mín, “É máis doado renunciar ao pan que ás palabras”. Non nos deixes sen a tua fala.
    Comezas cunha frase de Churchill pretendendo mandar unha mensaxe optimista, e eso está moi ben porque, supéranse mellor os traspés coa positividade que coa desesperanza. El, tiña outra que rezaba así: “Si pasas polo inferno, sigue para diante”.
    Ahora estamos pasando por un inferno, para algúns de nós polo momento aínda o podemos calificar de purgatorio, temos un xardinciño donde poder estirar as pernas e respirar mentres xogamos cos cans, por eso non me quero queixar, xa que si miramos ó noso arredor podemos avergonzarnos das nosas aprensión, cando algúns só poden ver as catro paredes dun patio de luces.
    Déixoche outra perla do primeiro ministro do Reino Unido e Premio Nobel de Literatura: “El éxito es la capacidad de pasar de un error a otro sin perder el entusiasmo”. Eu permítome a licencia de cambiar a palabra de “error” por terror.
    Moitos biquiños, profesor, e saude, moita saude, xa virán tempos mellores, si Deus quer, que quererá.

Deixa una resposta a carmen gonzález Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *