Etiquetas do eu (II)

Género_no_BinarioIgnacio Castro Rey. Despois hai outra cuestión discutible, que incumbe de novo á mestra e ao pupilo. Trátase en ambos dunha opción sexual “non binaria”, polo menos diso presumen. Con todo, curiosamente, é unha opción que non pode vivir sen inimigos. É máis, búscaos ou invéntaos continuamente. A pregunta parecerá de alta matemática (non é tan estraño, pois o trans é moi sofisticado), pero non é tamén binario declararse vehementemente, unha e outra vez, de xénero non binario? Á fin e ao cabo, sobre todo se se insiste tanto (ata o extremo de buscar un certificado oficial), todo o vulgar e popularmente binario, o estilo de vida desa multitude que creceu en lazos comunitarios que a elite urbanita despreza, queda en fronte do trans que ao fin é libre co seu sexo elixido. Libre, pero fronte a unha masa basta e convencional que o xénero dun (un@, une, unx?) non é. Non fai falta ser moi malvado, nin fiel seguidor de Debord, para ver en Butler e Preciado o signo dun novo clasismo urbano que só pode vivir, como a enteira sociedade espectacular, a expensas dos seus supostos inimigos.

Trátase en todos eles (Butler, Preciado e os miles que lles seguen) dun orgulloso binarismo trans ou fluid cuxa complexidade non está ao alcance de calquera? Iso parece, pois necesita despegarse da masa de asalariados ou parados que, explotados en traballos de merda de sol a sol, han de conformarse coa vulgaridade “tradicional” de ser simples homes ou mulleres. É dubidoso que unha empregada madrileña de supermercado, que entra ás 9 am e sae ás 10 pm, teña o tempo e a enerxía necesarios para xogar ao cambio de sexo ou a un binarismo trans tan complexo como o destes novos elixidos pola fama. A pobre empregada ha de conformarse cun noivo que a queira e que a faga rir. O poder dos novos mandaríns é tal, dentro do que hoxe se autodenomina esquerda, que un libro tan razoable e sensato como La trampa de la diversidad, feito no seo da esquerda clásica e denunciando con detalle toda esta impostura neo–pija, foi rexeitado en masa polo progresismo hipster que leva o mando.

Resumindo. Pola simple versión que Preciado dá das cousas (nun artigo bastante humano), é o fillo o que resulta extremadamente sospeitoso de complicidades mil co sistema. Son os pais os que resultan máis indefensos e entrañables. Fixémonos que a famosa “imposible dedicatoria” termina recoñecendo que, aínda que agora (neste confinamento de abril) os seus pais lograron conmoverlle, para escribirlles e dedicarlles un libro tería que recorrer a unha “longa perífrase barthesiana” (Barthes é outro autor, do mesmo xeito que Foucault, que Preciado non pode entender) pola sinxela razón, segundo el, de non poder pronunciar as 65 palabras (!) que son clave no seu modus vivendi de elite. Longa lista que, curiosamente, exclúe miles de palabras sinxelas que eran patrimonio do máis simple humanismo: “humanidade”, “afecto”, “piedade”, “sentimentos”, “fidelidade”, “costume”, “agarimo” e un longo etcétera. Todas esas antigallas han de ser agora desprazadas polo que verdadeiramente importa, as novas etiquetas que se venden nos escaparates de Ámsterdam ou París. Como se trata dunha versión longa (o tamaño importa)descarga (2) e supostamente “perversa” da inocente Caca cu peido pis, detállollelas a continuación en cursiva para que a habitual ladaíña da nova (non tan nova) ortodoxia non lles faga bocexar máis do imprescindible: homosexual, transexual, sexo, sexualidade, transexualidade, violación, traballo sexual, prostituta, aborto, penetración, dildo, ano, erección, pene, polla, vaxina, vulva, clítoris, tetas, pezón, follar, correrse, chupar, exacular, sida, rgasmo, felación, sodomia, masturbación, perversión, maricón, lesbiana, lesbianismo, tortillera, bollera, amaneirado, gay, marimacho, camioneira, puta, rameira, mastectomía, faloplastia, enfermo mental, disforia de xénero, psicose, esquizofrenia, depresión, pornografía, farmacoponográfico, merda, adicción, droga, drogadicción, alcoholismo, marihuana, morfina, crack, camelo, suicidio, prisión, criminal….

 O catecismo católico era máis breve, pero suponse que o ceo onde Preciado ordena a longa lista da súa haxiografía aínda podería seguir. Como ven, grazas ás novas minorías sexuais, a revolución que acabará co capitalismo está ás portas. Unha revolución que, sen saír de casa, consiste por fin en darlle a volta ás cousas: o que antes era malo agora é bo. E viceversa. Que todo isto é revolucionario nótase ademais en que logra estresar os avós que envellecen tranquilamente no fogar. É por fin a revolución do amor, pero a través dun odio refinado. E envorcado ademais sobre quen non poden defenderse, toda esa xente fea, tradicional e maior que vive fóra do noso radiante campus.

Finalmente, Preciado non poderá escribir ese libro dedicado aos seus pais. Por que? Como os seus colegas universitarios, etiquétao todo. Eles, os novos elixidos polo saber, non aturan o baleiro, a indeterminación do desexo. E o Outro que non se parece a eles, pois a súa liberdade non foi construída, sempre lles vai facer anacos a empresa do Eu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *