Medrar na guerra

EC-9W-WXUAExbMXAntón Riveiro Coello. No documental For Sama, unha xornalista e mais un médico coñécense, casan e teñen unha filla dentro da guerra de Siria. El improvisa un hospital para axudar os feridos e ela grava os horrores durante cinco anos, documentando o seu propio embarazo e a medra da nena até que se ven na obriga de abandonar a cidade, talvez para sempre. A testemuña, tan dura como necesaria, é un acto de amor á filla e ao seu país devastado. A intimidade do enfoque é a que nos fai arrepiar igual ca ese pai que estes días fixo viral un vídeo onde xoga coa súa nena de catro anos convertendo o ruído das bombas nun xogo para lle esconxurar o terror.

            A estas alturas, ninguén dubida de que a guerra de Siria sexa unha traxedia mundial, que nos afecta a todos e nos pon diante do espello dunha complicidade insoportable porque as vítimas máis dolorosas son as dos nenos. Durante todos estes anos de guerra siria, o réxime aproveitou a trampa para continuar a súa escalada de terror cualificando a todos os rebeldes como elementos terroristas. Esta consideración abriulle a porta a actuar coma se todo o que houbese nas cidades fose unha masa terrorista, esquecendo que na súa meirande parte están cheas de civís, atrapados pola desesperación e a dor de veren como a crueldade non repara en nada e mesmo lles apaña a vida a miles de nenos inocentes. Este marco da guerra contra o terrorismo, veulle ao xeito ao goberno sirio, non só para difamar o activismo e apagar a revolución, senón tamén para branquear os seus crimes e gañar unha guerra que, sospeito, se volverá na súa contra, porque detrás das cifras dos mortos hai familias e rostros de nenos que nunca esquecerán e descansarán na esperanza o seu último acto revolucionario.

Un comentario en “Medrar na guerra

  1. Vin ese vídeo que comentas e fíxome pensar tamén na película “La vida es bella” de Roberto Benigni. O protagonista tamén elabora aquela fantasía de xogar a agocharse dentro daquel campo de concentración nazi para que o seu fillo non pasase medo.

    Un día escoitei dicir- non recordo se foi na radio – que todos levamos un pequeño Hitler dentro, excepto Hitler, que levaba un de tamaño natural. Póis estes señores da guerra, querido e apreciado Antón, tamén superan a talla X X L, da maldade.
    Un cariñoso saúdo dende Palmeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *