Chagall

12-21-29-40.46.17_lowFidel Vidal. Marc Chagall, un dos grandes mestres da pintura, foi clasificado por máis dun crítico como “inclasificable”. A arte “é un estado da alma”, dicía Chagall. Cada vez que lle pedían que explicara as súas obras contestaba que el mesmo non as entendía. Unha boa mostra da súa obra gráfica pódese contemplar na Fundación Barrié da Coruña que, por mor da pandemia, vai prorrogarse até o día 26 de xullo. Co título Fábulas e soños, dividímola, seguindo os pasos da técnica empregada, en tres (o catro) apartados: litografías, xilografías e augafortes. A cuarta parte correspondería aos poemas escritos. Os traballos presentes na exposición, case con plena seguridade, compuxéronse nos talleres dos irmáns Mourlot, de París, con sona de ser o lugar onde se estamparon moitas das obras dos grandes mestres do século pasado.

As litografías, frescas e luminosas, como murmurios oníricos (Pinto como soñando), amosan cores sinxelas en forma de manchas -azuis, moitas azuis, verdes, amarelas, violetas, vermellas- exactamente colocadas para non as confundir como quen colorea unha estampa. De aparente inxenuidade, admiramos Visión de París, Namorados baixo un sol vermello, Notre Dame e a Torre Eiffel, A casa do meu pobo (con intencionados trazos infantís), e noivas voando, cabras, cabezas de paxaros, paxaros, o circo, vellos luxuriosos, violíns. Lassaigne, dicía que Chagall non buscaba harmonías, senón que cada elemento debería “vibrar, falar, vivir por si mesmo”. Sempre entre o sagrado e o profano. Resulta salientable, polo singular toque surrealista, o Cristo do reloxo (ou Cristo como reloxo). O reloxo, igual que o Crucificado, é un motivo reiterativo na súa pintura, que podemos ver por exemplo nalgún dos autorretratos.12-21-32-25.46.Marc_Chagall_C_VEGAP__A_Corua__2020._-_Chagall_R_3 Nesta ocasión a cabeza de Cristo está suplantada por un reloxo marcando as dúas menos cuarto. Pobo meu, é por ti por quen eu canto (…) Es ti a quen eu pinto/ Flores, bosques, xente e casas.

As augafortes ilustran as Fábulas de La Fontaine, nun centenar de magníficas pezas en branco e negro, nos que se advirte a súa gran admiración por Rembrandt. Nelas, ademais da depurada técnica, é quen de describir con trazos de excepcional debuxante, cada un dos títulos dos contos morais. As xilografías, unhas 24 impresións, pensadas como libro de artista, que acompañarían os seus poemas -de aí que veñan baixo a epígrafe Poemas- onde comparten espazo gravados e versos. Auténticos poemas visuais e palabra escrita. No seu único e recomendable libro, A miña vida, advirte que o texto ten “o mesmo sentido que unha superficie pintada”. Ti colmáchesme as mans/ De cores, de pinceis./ Non sei como pintarche.(…) O que manda sobre a morte/ Talvez faga/ Que o meu cadro se ilumine. Segundo André Breton, a metáfora entrou na arte do século XX da man de Marc Chagall.

2 comentarios en “Chagall

  1. Estuve viendo la exposición hace ya 15 días. Hace unos años había visto otra de Chagall en un verano en Donosti, en el Kursaal.
    Tendremos ocasión de comentarlo.
    Un gran abrazo y buen verano Fidel. Espero que encuentres muchos motivos de inspiración pictóricos y literarios para seguirte leyendo y viendo tus producciones.

    1. Feliz verán para todos. Grazas querido amigo Jesús, sempre tan atento. Naturalmente que seguiremos falando e compartindo afeccións. Sen esquecernos da máscara, unha forte aperta e dúas pancadas.

Deixa una resposta a jesus alberdi Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *