Ollos divinos

ollo1Francisco Ant. Vidal Blanco. Cando a esposa do bo Shiva se lle acercou por detrás para pecharlle os ollos bromeando (quen son eu?), o sol apagouse, e entón el fixo nacer un terceiro ollo na fronte, co que podía velo todo a través do tempo, entender o pasado e prever o futuro, representado na actualidade con esa especie de lunar que os seus devotos portan no lugar “onde reside a sabedoría”, para retela. Entre nós comparamos o prezo ou a carestía das cousas co valor dun ollo da cara, e non é para menos, pero, canto custa este? Se tivésemos que pórlle prezo, supoño que moitos non o venderíamos por nada, aínda a pesar de que sempre nos quedaba o outro. E é que desde a famosa sentencia do código de Hammurabi, de ollo por ollo e dente por dente, non hai membro tan valorado no corpo. El ve, prevé e fainos entender, a pesares do que deixou dito o sabio Max Estrella cando, para defender a súa condición, mentres daba tombos pola noite madrileña sentenciaba con sabia clarividencia: “os ollos son uns ilusionados mentireiros”.

Só dúas cousas se chegaron a pagar con un ollo: a sabedoría e o coñecemento. Foi cando o xigante Mimir viu chegar a Odín, o valente deus dos pobos nórdicos, para beber da fonte da sabedoría que aquel custodiaba, na procura da prudencia e o bo xuízo necesario para guiar ós seus devotos. Tras largo regateo, a troco dun vaso de auga o vixiante pediulle un dos seus ollos. Tal vez desde ese momento quedou fixado para sempre o seu prezo.

Tamén no antigo Exipto se deu un caso semellante, despois de que Horus perdera un pelexando contra o seu malvado tío Seth; pero o sabio Tot, ó velo chosco, apiadándose del argallou unha prótese para o oco e colocoulla coas palabras máxicas: “o ollo dereito é a barca da tarde e o esquerdo é a da mañá”, que ademais de disimular a falta tiña a virtude de lle permitir ver e entender o futuro, tanto á luz do sol como á luz da lúa.

ollo2O envexado ollo de Horus axiña foi pintado con vivas cores nas falucas do Nilo e os gregos copiárono para as amuras dos seus trirremes, como medio preventivo contra o mal que asexa a todo navegante, como un dardo disposto a devolver o ollamento ou como un vixía sempre atento ó porvir. O costume de tal amuleto mariño seguiu polo mundo adiante en todas as direccións, e aínda hoxe é posible velo estampado na amura dalgún pesqueiro, un ollo que, tanto na forma como no deseño, recórdanos a aquel do deus exipcio, fixo cara o horizonte, mirando e vixiando, protexendo sempre contra o mal ollar e conta o meigallo que tanto medo nos dá cando cabalgamos sobre as ondas.

Tamén o cristianismo escolleu para atributo da súa maior divindade un ollo atento e vixiante. Sen embargo non sempre cumpren os ollos coa súa función de vixía e alerta, de gardiáns do ben para previrnos contra o mal, foi o caso do atento pastor Argos, que tiña cen ollos para coidar calquera rabaño e por iso a mesma Hera o escolleu como custodio da ninfa Io, co fin de que Zeus, o seu promiscuo esposo, non se liase con ela. Pero contra os ollos vixiantes apareceu Hermes tocando a frauta, tan docemente, que o vixía adormeceu, pechou os ollos e o tunante acudiu ó leito da ninfa.

Un comentario en “Ollos divinos

  1. Bonito artículo, Francisco.
    Un colaborador de este Café, en uno de sus libros dice: ” Podemos soportar un empurrón pero non a persistencia da mirada”. Y el mismo colaborador nos habla también de ese “Gran Ollo enmarcado no triángulo equilátero, o Vello que todo o vía e o ve, e non descansa de vixiar”.
    Contigo, hoy he aprendido que Shiva fue el autor de ese tercer ojo en la frente, el “lugar onde reside a sabedoría”. Estos cafecitos mañaneros, además de sentarnos bien, nos enseñan muchas cosas.

    Ahora, con un poquito más de sabiduría me voy para la cocina a luchar un poco con esa modesta hortaliza llamada cebolla, que seguro se acordará también de mis ojos; yo la hiero, y ella me hará llorar. Ahí está el código Hammurabi: ojo por ojo…
    Cariñosos saludos desde Palmeira, querido Francisco.

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *