Imaxinar a paisaxe futura

As aves alegran os paseos FOTo CULLEREIRO
As aves alegran os paseos FOTo CULLEREIRO

Agustín Agra. Esta historia é curta. En pouco máis de cincocentas palabras, remata. Porén, se o amable lector dá chegado á derradeira, poderá escoller de que xeito continúa. A decisión será súa. O que ve unha persoa depende, segundo os psicólogos, do que está preparada para ver. Eu, en boa medida, descreo das palabras dos psicólogos. Mais, cando este día saín de paseo en dirección á ría, levaba na cabeza a idea de ver unha fochanca. E, cando cheguei, vin unha fochanca.

É certo que tamén gocei coa presenza das gaivotas e dos corvos mariños, das garzas reais e das garzotas, dunha bandada de cullereiros que nos últimos anos se volveu habitual e, tamén, dun fato de limícolas; as aves que máis me enchen o ollo: pilros bule bule e curlibico, píllaras reais e mazaricos chiadores, virapedras, biluricos bailóns e, tamén, dun exemplar de pativerde na procura de pitanza a rentes da fochanca.

A marea sobe e baixa

O que acontece coas fochancas é que a marea sobe e baixa, sobe e baixa ao ritmo en que a lúa completa os seus ciclos e… os lameiros énchense de lama. Quen se opón, mentres as leis de Newton sigan a rexer, á forza das mareas? E el será que quen avala un proxecto desta caste non ouviu falar da gravitación universal?

Á volta do paseo, dei en enredar no xogo de imaxinar o futuro do Barbanza… Paseos marítimos e fluviais bordeando todos e cada un dos centímetros das nosas costas e ribeiras; o monte, por fin ceibo de eucalipto, coa pedra á vista e ateigado de eólicos e placas fotovoltaicas; as rías inzadas de instalacións para aproveitar a enerxía mareomotriz, polbofactorías e granxas de salmón a enzoufar a auga con pensos, antibióticos e refugos das actividades biolóxicas das súas vítimas. Após da masiva extinción de especies agardada para xa, e el quedará algo vivo ademais do pastoreado polo sapiens? E logo, unha das vantaxes da desaparición das especies vexetais e animais -que noxo, non? iso dos bichos- non era a maior dispoñibilidade de solo para urbanizar? Descoñezo, créanme, en que parte do xenoma levamos inscrita tanta sabedoría.

Quen prognosticou o ocaso dos piratas, esqueceu o corso; non contaba cos filibusteiros con patente que mudaron o garfo e o parche do ollo polo traxe e a moqueta, a nave orgullosa coa bandeira empoleirada no bico do mastro e as veas enchidas ao vento pola sinatura e o cuño no despacho dun edificio público: a cada petróglifo o seu banco con vistas panorámicas, a cada castro o seu repetidor de televisión ou, mellor, o piar dun viaduto, a cada lameiro unha escavadora acompañada da correspondente partida no presuposto duns cantos milleiros de euros para cavar unha fochanca. Velaí a divisa!

Para rematar o enredo, quizais debera deixar este texto de tres mil cento vinte e un caracteres, espazos incluídos, a hibernar. Chegado o día do desxeo, abrirmos a cápsula do tempo e brindar, slainte!, por cada un dos erros destes meus prognósticos agoireiros.

Desculpen vostedes que amencese co ánimo un tanto apocalíptico; mais quen lles escribe tamén ten o seu corazonciño e dóelle constatar, con evidencias, que estas Palabras na paisaxe van ficando sen unha paisaxe sobre a que enlear palabras.

Un comentario en “Imaxinar a paisaxe futura

  1. Buenos días, Agustín:
    Sí, he podido, y con mucho placer llegar al último párrafo; y aunque no tengo la capacidad de poder elegir ese final tan deseado, creo que lo que nos queda es, sufrir por no poder.
    En una revista mensual que recibo, leí que san Francisco pedía a sus frailes hortelanos dejar un “rincón para hierbas silvestres”. Nos estaba indicando que la naturaleza no la podemos acosar con cultivos meramente productivos. La biodiversidad debiera ser una palabra sagrada.
    Un placer siempre leerte.
    Saludos de la xirina palmeirana.

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *