Saudade

Foto: La Voz de Galicia
Foto: La Voz de Galicia

Xosé Manuel Lobato. Dende a abstracta indefinición, ou definición dun termo de profundo arraigo na nosa terra, só os galegos e galegas de verdade, os de auténtica cerna, acadan esa ampla connotación necesaria para unha comprensión non sesgada.

Neste intre, no que escribo, baixo o arresto domiciliario e o sometemento do estado de confinamento, lembro esa comarca da Barbanza dende a distancia.

Saudade morriñenta, é a que me atenaza nestas semanas de sedentario por obriga. Afastado do mar de Arousa, sen posibilidades de pisar esa zona do Barbanza, que arrecende a mariña de pureza verdescente e brisa de garimosa frescura.

Neste instante, estou deixando voar os sentimentos no ar desta escrita de orballada pasada.

A chama intensa da saudade esperta nas consciencias dun amor perdido, mais tamén cando non se logran calmar esa ansia convulsiva dos desexos non satisfeitos que se esvaecen tal charamuscas no aire.

Intensa empatía, como rianxeiro adoptivo, coas xentes desa comarca que por diferentes motivos deben permanecer nestes intres afastados da súa terra, desas vilas do natal que deixan profunda pegada, mais no caso desta zona ese influxo e atracción semella maior.

Impresionante ría de Arousa, observada con admiración dende ambas ourelas, os espectaculares miradoiros que forman o Xiabre dende a esquerda coa Curota e Muralla na outra ribeira. Visións únicas da ría e das súas vilas, que ofrecen estes tres colosos cumios de máis de dous mil pés de altitude.

Pasear polas numerosas praias entre o abalo e devalo das ondas, un privilexio que de momento queda nun intenso desexo de futuro. No entanto, a señardade segue comigo e, supoño que con todos aqueles que nestes intres de dificultade non teñen a posibilidade de gozar dese verxel natural que forman terras e mar.

Porén, toda esa nostalxia que moitas persoas sentimos, polo ausencia  de contacto coa natureza nestes momentos de illamento. Está a supoñer un inmenso e necesario respiro, para unha natureza imprescindible para a supervivencia de incontables seres vivos, moi esgotada e maltratada pola asfixiante presión exercida  polo ser humano sobre ela.

2 comentarios en “Saudade

  1. Lobato, vexo que estás tan namorado coma min da nosa ría de Arousa.Eu non poderia vivir lonxe do Mar; sen o cheiro da salitre.
    Encantame camiñar polos peiraos e ver sair os barcos a faenar e os veleiros navegando cosa velas inchadas polo vento.
    E agora que vai vir a tempada do Bou de Vara disfruto indo ver a poxa do peixe e o marisco á lonxa.
    Unha rianxeira q che recorda do Instituto

  2. Xa ves, admirado Lobato, alguén nos está castigando por ser nos os castigadores do planeta, tiñamos que aprender un pouquiño a ser os arquitectos do mundo e non ser o óxido da natureza, desa natureza preñada de presaxios umbríos.
    É un pracer atoparche por estos lares tan instruidos.

    “Me visitó el hombre y descubrí al poeta”

    Unha aperta palmeirana.

Deixa una resposta a Magdalena Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *